Negreira - Reunión de Jorge Tuñas co presidente da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu onte no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Negreira, Jorge Tuñas, con quen tratou diferentes temas de interese para o municipio.

O rexedor nicraniense plantexou diversas peticións de mellora nas estradas provinciais que discorren polo termo municipal, entre elas a posibilidade de ampliación dun segundo tramo da estrada DP-5602 Negreira-Pontenafonso, concretamente entre Liñiao e Porqueira (Pk. 6,360 ao 12,00).

A Deputación xa acometeu, entre 2008 e 2010, obras de ensanche e mellora nos seis primeiros quilómetros desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Negreira, por un importe de 1,23 millones de euros. Estes traballos incluiron o ensanchamento da plataforma, a construción de beirarrúas nos primeiros 500 metros e de variantes que melloraron notablemente o antigo trazado, eliminando os puntos máis sinuosos e facéndoo máis seguro. Na actualidade, a institución provincial está executando tamén obras de mellora entre os puntos 22,8 e 23,48 desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Outes, cun orzamento de 140.232 euros.

Tuñas solicitou tamén a construción de beirarrúas na DP-1302 entre Negreira e Abeanca e na DP-5602 entre Gándara e Gonte, así como a execución dunha senda peonil paralela á DP- 5603 entre Negreira e Marco do Cornado, co obxecto de mellorar a seguridade do importante número de peregrinos que circulan a diario pola zona facendo o Camiño de Santiago.

González Formoso comprometeuse a estudar as peticións de investimentos formuladas polo alcalde e aceptou a súa invitación a visitar o Concello en próximas datas.

Ningún comentario: