Santiago - Encontro Aracil / Corazón nas Xornadas de Música Contemporánea

Como preámbulo e presentación da estrea de ‘Siempre/Todavía’, ópera sen voces de Alfredo Aracil e Alberto Corazón, hoxe teremos un encontro cos seus creadores: o compositor Aracil e o artista plástico Corazón. Será ás 20.00 h no Centro Galego de Arte Contemporánea dentro das Xornadas de Música Contemporánea. O venres estrearemos a ópera, co pianista Juan Carlos Garvayo, ás 20.30 h e tamén no CGAC. A conversa de mañá, con entrada libre ata completar aforo, estará ilustrada con imaxes da obra, na que poderemos descubrir a xénese e o proceso creativo desta “ópera sen voces”. É de destacar ademais que Alfredo Aracil vén de recibir hai uns días o Premio Nacional de Música 2015 na categoría de Composición, premios que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

ALFREDO ARACIL compositor
Nacido en Madrid en 1954, estudou música con Cristóbal Halffter, Tomás Marco, Carmelo Bernaola, Luis de Pablo e Arturo Tamayo en Madrid, e Karlheinz Stockhausen, Iannis Xenakis, Christian Wolf e Mauricio Kagel en Darmstadt, entre outros. É doutor en historia da arte pola Universidade Complutense de Madrid. Impartiu cursos, seminarios e conferencias na Universidade Complutense, Universidade Autónoma de Madrid (da que foi profesor asociado e profesor honorario), Instituto de Estética e Teoría das Artes, Universidade Carlos III, Politécnica de Valencia, Escola Superior de Música de Catalunya, Cursos Internacionais de Composición de Villafranca del Bierzo e outras moitas institucións en España, Italia, Francia, Reino Unido, Brasil e México. 

Traballou en Radio Nacional de España (RNE) onde foi xefe do departamento de producións musicais de Radio 2, delegado no Grupo de Expertos de Música Clásica de Euroradio (EBU/UER), cofundador e deseñador da serie North-South Concerts (Euroradio), fundador e deseñador da serie Los Conciertos de Radio 2 e director e guionista de relevantes programas de difusión da música. Organizou, coordinou ou dirixiu ciclos de concertos e actividades culturais para o Festival de Otoño de la Comunidad de Madrid, a Unión Europea de Radiodifusión, Instituto Cervantes de París, Fundación Albéniz, Museo do Prado, Archivo Manuel de Falla, Fundación Loewe e a Orquesta e Coro Nacionales de España. Entre 1994 e 2001 foi director do Festival Internacional de Música e Danza de Granada. 

As súas composicións foron programadas en ciclos e festivais internacionais de Holanda, Austria, Portugal, Bélxica, Puerto Rico, Italia, Suíza, Francia, Iugoslavia, Croacia, Reino Unido, Australia, Rusia, Estados Unidos, Alemaña, Brasil, México e España, e recibiu encargos de importantes institucións culturais españolas e europeas.

ALBERTO CORAZÓN pintor, escultor, deseñador
Nacido en Madrid en 1942, como deseñador ocupa un lugar destacado no deseño gráfico español (Premio Nacional e importantes recoñecementos en Nova York e Londres) para, posteriormente, ampliar a súa actividade tamén ao deseño industrial, campos nos que goza dun extraordinario prestixio. En 1976 foi invitado polo Comité Internacional a expoñer na Bienal de Venecia xunto con Tàpies e o Equipo Crónica, e en 1978 a Bienal de París, igualmente a título persoal, invítao a expoñer no Petit Palais xunto con Antonio Saura. 

Durante a década dos noventa expón regularmente nas galerías Gamarra y Garrigues e Elvira González. En Alemaña, o Würth Museum, que adquire unha ampla mostra das súas pinturas e esculturas, presenta con regularidade a súa obra. Dende 2001, é representado pola Galería Marlborough, onde expón regularmente tanto en Madrid como en Nova York. A súa obra escultórica pública está presente en espazos urbanos de Madrid, Murcia, Alacante, Mallorca, Xerez etc. Entre os museos que teñen obra de Alberto Corazón como parte da súa colección permanente cabe destacar o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o IVAM (Institut Valencià d'Art Modern), o Museo de Belas Artes de Bilbao e o Museo de Arte Contemporáneo de Madrid. En 1996 realizou a escenografía da ópera La madre invita a comer de Luis de Pablo, estreada no Teatro da Zarzuela baixo a dirección musical de José Ramón Encinar. 

Colaborou con Alfredo Aracil no deseño da escenografía de Dos delirios sobre Shakespeare estreada nos Teatros del Canal en 2009. Publicou diversos libros relacionados co deseño e a creación plástica, así como ensaios. Foi presidente fundador da Asociación Española de Diseñadores, da Fundación Arte e Dereito e durante dez anos presidiu a Entidad de Gestión de Artistas Plásticos (VEGAP). Dende 2006, Alberto Corazón é membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.

Ningún comentario: