O programa desta semana no Cinema NUMAX pon en relación tres filmes á volta da infancia e da xente nova: a reestrea en copia nova 2K da primeira longametraxe de
François Truffaut,
Os 400 golpes, acompaña a estrea en salas do último e esperado filme de
Marc Recha,
Un día perfecto para voar, que vén de competir na sección oficial do Festival Internacional de Cine de San Sebastián pola Cuncha de Ouro.
Canda eles,
Zumzeig Distribució estrea en NUMAX
Loubia Hamra (Feixóns encarnados), ópera prima de
Narimane Mari con música de
Zombie Zombie. Unha reinterpretación da Guerra de Independencia de Alxeria, narrada e interpretada por enteiro desde o punto de vista duns cativos de seis a catorce anos. Lonxe da especulación, o traballo de Mari procura unha dimensión onírica e metafórica.
Loubia Hamra levou o premio da competición francesa do FID Marseille en 2013, entre outros moitos (máis de trinta mencións en numerosos festivais internacionais), e a súa realizadora, Narimane Mari, acaba de recibir o premio Open Doors no festival de Locarno 2015 ao proxecto do seu vindeiro filme:
Le fort des fous.
O
mércores 28 estreamos
El complejo de dinero de
Juan Rodrigáñez, última proposta de
Márgenes Distribución que foi presentado na Berlinale 2015 como o único filme español que competiu polo premio á mellor ópera prima. Montado e coescrito por
Eloy Enciso (realizador de
Arraianos), é unha adaptación libre da novela
Der Geldkomplex, escrita en 1916 pola autora feminista
Franziska Von Reventlow, que nos propón unha «sugerente aproximación a un contradictorio universo de penurias económicas, afectivas y culturales que, por muy terrorífico que resulte, se parece bastante al nuestro» (Manu Yáñez, Otroscines Europa).
Ningún comentario:
Publicar un comentario