Ordes - Luz Casal participa na comida solidaria da Asociación contra o cancro

Pasaban xa das 14.30 horas, hora posta para o inicio da V Comida Solidaria organizada pola delegación ordense da Asociación Española Contra el Cáncer, cando máis dun empezaba a apañar distraidamente no pequeno boliño de pan posto a carón da culler que flanqueaba cada un dos pratos. Foi entón cando fixo a súa entrada a última das comensais e todo o comedor do restaurante Barreiro saltou polos aires cun estruendoso aprauso. De súpeto estaba alí Luz Casal, sen poder borrar o rubor do seu rostro ante tanto protagonismo. Ela que xa debería estar afeita despois de encher teatros, pavillóns, auditorios e prazas públicas.

Ninguén, agás un reducidísimo número de persoas da organización o sabían. Por iso non faltaron os que se levantaron da cadeira para asegurarse de que a retina non lles estaba ofrecendo unha metáfora da realidade. E non. Era ela de verdade! Como tantas cousas nesta vida a casualidade daría a resposta do porqué unha das cantantes máis importantes do territorio nacional acudiu hoxe a Ordes. Carmen, unha das socias máis activas da asociación coincidiu no Concello de Boimorto con ela mentres Luz Casal preparaba unha nova edición do Festival da Luz. A humildade, xenerosidade e compromiso da artista coa causa fixo o resto. 

Deste xeito a de Boimorto quixo ser unha ordense máis deses 360 que coa súa asistencia deixaron ben claro estar dispostos a axudar e contribuír para erradicar a que é unha das plagas deste século. Con estas cifras pódese falar dunha caixa de preto de 2000 € destinados integramente á investigación. Entre os que non faltaron á cita estiveron a presidenta da Asociación Española Contra o Cancro da provincia da Coruña, dona Elena Viturro; Marcos Calvo, psicólogo da asociación; Beatriz Bernárdez, xefa de farmacia do hospital de día; Emilia Vázquez Pardo, presidenta local. Tampouco faltaron rexedores de concellos da comarca e, por suposto, o alcalde de Ordes e varios dos seus concelleiros, así como outros membros da corporación local. 

No seu turno de palabra Martínez Sanjurjo destacou a “concienciación de hábitos de vida saudables, a investigación e o asesoramento”que se presta dende a AECC. Unha entidade que conta cun “plus de alto valor engadido, por ese fin último que é a súa reseña ou marca de identidade, o coidado das persoas”. O alcalde falou en clave positiva, incidindo na “importancia que ten a prevención e a interiorización de hábitos saudables”. Pola súa banda a protagonista da xornada falou do primordial que é “non sucumbir ao medo e transformalo en fortaleza para acadar a vitoria nesta loita”. 

Tras as palabras abriuse espazo para a música. Os mozos e mozas de Ritmo Galrgo e a cantante local Tania Veiras fixeron bailar a todos e todas tras a sobremesa. Momento no que tamén se levou a cabo o sorteo de agasallos doados por firmas comercias e establecementos da zona.

Ningún comentario: