BNG A Estrada - Escepticismo sobre as partidas dos ozamentos da Xunta para o concello

O BNG emitiu un comunicado onde acolle con "escepticismo as partidas para o noso concello dos orzamentos da Xunta". Segundo explicou Xosé Magariños, portavoz municipal da organización nacionalista, "estamos en ano electoral e o PP xa nos ten acostumados aos anuncios e tamén aos incumprimentos na execución do orzamento; de feito do orzamento de 2014 só se executou o 72%, o que dá conta de que moito do que se anuncia son iso, anuncios".

"Neste sentido", indicou Magariños, "só nos creremos o da construción da escola infantil, que tanta falta nos fai, cando se poña a primeira pedra. mentres tanto poñémolo en corentena eletoral". "O PP tamén anunciou a licitación da Variante e ao final nada de nada", afirmou o concelleiro do BNG.

Magariños tamén botou en falta partidas para o centro de día e para a Cidade do Moble. Sobre o centro de día Magariños indicou que "non se entende que un concello da nosa categoría con tanta poboación, tan dispersa e tan avellentada, non teñamos un centro de día e moitas familias teñan que levar os seus maiores dependentes a Cerdedo", afirmou, "visto é que ao PP non lle importa a xente maior nin os cartos públicos, non hai máis que mirar o centro de día de Cuntis, que leva anos nunha silveira".

A respecto da Cidade do Moble, Xosé Magariños afirmou que "está claro que o PP non aposta polo sector do moble nin polas poucas empresas do moble que aínda resisten nin polo emprego". "Hai algunha empresa cun pé fóra deste concello porque non hai solo industrial público asequible", afirmou Magariños, "pero o alcalde actúa como quen oe chover".

Ningún comentario: