Arzúa - Duodécima edición da Feira Ecolóxica

A Feira Ecolóxica de Arzúa, organizada polo Concello de Arzúa e xestionada por Culturactiva SCG, vén de escoller as propostas para a súa duodécima edición, que se celebrará os días 14 e 15 de novembro. O encontro referencial para o sector verde contará con 60 expositores e expositoras de produción ecolóxica, terapias alternativas, entidades de traballo cooperativo e artesanía sustentable. Os proxectos elixidos presentáronse ao proceso de selección realizado entre o 28 de setembro e o 16 de outubro. A organización cumpriu as expectativas xa que, como vén sendo habitual, en poucos días as solicitudes superaron o número de prazas dispoñibles. Desta maneira, agárdase que o Recinto Feiral Terra do Queixo rexistre un cheo total nesas datas. 

Os visitantes e profesionais do sector atoparán entre os stands unha gama moi ampla de produtos e servizos. As novidades ecolóxicas que presenta esta duodécima edición van dende pan, leite e licores ata sementes e infusións; tamén haberá postos de porco celta e produtos derivados, ou un servizo de ciclomensaxería. Do mesmo xeito, tampouco faltarán fabricantes de aceite ecolóxico, produtos de horta, cosmética natural ou mel ecolóxico. As terapias alternativas e as plantas aromáticas estarán presentes tamén, ademais dun espazo adicado entidades de traballo cooperativo e outro a oficios artesáns. Todos e cada un deles forman parte do sector verde e comparten un novo xeito de entender o vínculo entre produción e sustentabilidade, concepción que non parou de medrar e asentarse na nosa sociedade nos últimos anos.

Con esta nova edición, a Feira Ecolóxica de Arzúa afonda na súa consolidación como referente do respecto pola contorna e dunha vida en sintonía con ela, ademais de erixirse como o principal punto de encontro de produtores, consumidores, distribudores, artesáns e público do sector verde. Asimesmo, durante a fin de semana da Feira Ecolóxica, no Recinto Feiral Terra do Queixo a programación completarase con actividades paralelas como obradoiros, mostras, conferencias e actuacións teatrais. 

A Feira Ecolóxica asentouse en Arzúa no ano 2004 e, dende aquela, non abandonou a localidade coruñesa pola acollida que lle brindaron os veciños, a idoneidade do recinto ofrecido, o apoio do sector e a colaboración permanente do Concello. Malia un contexto económico adverso, o proxecto non esmoreceu e mantivo sempre o seu compromiso pola ecoloxía, a produción natural e a innovación.

Ningún comentario: