Lalín - Moción do grupo de goberno para impulsar a "moción cidadá"

Moción do grupo de goberno para a implantación da 'moción cidadá' co obxecto de favorecer a participación dos veciños e veciñas de lalín nos plenos municipais 

exposición de motivos

O pacto asinado polas forzas políticas que conforman o Goberno de integración de Lalín concede unha especial relevancia ao incremento da transparencia e a participación cidadá no noso ámbito municipal. Para avanzar neste obxectivo irrenunciable, o documento programático contempla unha serie de medidas destinadas a dotar dun maior protagonismo na vida pública aos veciños e veciñas da vila.

Entre as iniciativas que se propoñen está a elaboración dun regulamento de participación cidadá que recolla os dereitos de información, de petición, de propostas e reclamacións da cidadanía e de consulta popular. Ademais, este regulamento establecerá a creación dun servizo de participación cidadá, un valedor da cidadanía e un Consello Social cuxos membros serán elixidos polo pleno do Concello.

O obxectivo fundamental é que os cidadáns deixen de ser simples espectadores ou obxectos das decisións que se adopten durante o mandato e pasen a convertese en actores principais ou suxeitos activos das políticas municipais, que son precisamente as máis próximas aos cidadáns e as que afectan de maneira máis directa á súa vida cotiá.

Trátase de implantar, paso a paso, un novo xeito de facer política, acorde coas esixencias sociais do século XXI, dándolle voz aos veciños nos foros de debate institucionais para que poidan expresar sen intermediacións de ningún tipo as súas preocupacións, as súas propostas e os seus puntos de vista sobre as cuestións que lles afectan no seu día a día. 

Unha das medidas que permitirá avanzar de maneira máis inmediata nesta nova maneira de entender a democracia -máis aberta e participativa- é a Moción Cidadá. A través deste mecanismo de participación, os veciños e veciñas que así o desexen -previo cumprimento duns requisitos básicos- poderán levar unha iniciativa a pleno para o seu debate e votación municipal. Trátase, por expresalo dun xeito gráfico, de que os lalinenses teñan a capacidade recoñecida de converterse no concelleiro número 22 da nosa corporación municipal.

Tendo en conta esta exposición de motivos o grupo de Goberno proponlle ao Pleno municipal a adopción dos seguintes acordos.

ACORDOS


  1. Poñer en marcha a Moción Cidadá como un dos mecanismos destinados a incrementar a participación dos veciños e veciñas de Lalín no debate e na toma de decisións sobre as cuestións que lles afectan de maneira máis directa.
  2. Os veciños de Lalín, a título individual ou a través de colectivos constituídos, poderán presentar iniciativas ou mocións para o seu debate plenario. Os promotores da iniciativa tamén terán a posibilidade de defendelas publicamente, comparecendo na sesión plenaria na  que se inclúa a proposta.
  3. A Moción Cidadá poderá utilizarse para trasladar demandas ao Concello ou a outras administracións públicas, pero deberá cinguirse sempre a cuestións que sexan de competencia ou interese municipal. As iniciativas que non cumpran este requisito serán desbotadas de inicio.
  4. Para que unha iniciativa poida ser presentada e admitida, a proposta en cuestión terá que vir avalada  por un mínimo de 250 sinaturas de persoas empadroadas en Lalín.
  5. O secretario municipal, en colaboración cos departamentos competentes do Concello, será o encargado de ratificar a autenticidade das sinaturas que avalan a proposta mediante a confirmación do DNI e a certificación do empadroamento das persoas que sustentan a iniciativa.
  6. O alcalde terá a obriga de incluír a Moción Cidadá na orde do día dalgún dos dous plenos que se convoquen de maneira posterior á súa ratificación por parte da secretaría municipal.
  7. Os promotores da Moción Cidadá, no caso de seren varios ou un colectivo constituído como tal, escollerán un único portavoz para defender a iniciativa en pleno. Esta persoa terá un máximo de 10 minutos para expoñer a súa proposta nunha intervención inicial e 5 minutos de réplica, unha vez expresen o seu parecer sobre a cuestión a debate os portavoces dos diferentes grupos municipais con representación na corporación.
  8. A aprobación ou rexeitamento da iniciativa proposta correspóndelle, mediante votación, aos membros da corporación municipal 

Ningún comentario: