Psoe Ordes - O Psoe presenta as súas propostas de obras para os plans da Deputación

O grupo municipal socialista de Ordes vén de presentar a súa proposta de actuacións para incluír no Plan de Obras e Servizos (POS) e Plan de Acción Social (PAS) que convoca a Deputación da Coruña. A voceira municipal do PSOE de Ordes, Verónica Gómez, salienta que se trata “dunha proposta que recolle as distintas peticións que nos realizaron os veciños e veciñas de Ordes, moitas das cales xa temos presentado no pleno e non foron acometidas por falta de financiamento”.

Así, a proposta recolle a última petición realizada polos socialistas no pleno do pasado mes de setembro: a instalación de alumeado público para iluminar os accesos ao CEIP Mesón do Vento. Unha necesidade admitida polo alcalde pero á que o Concello non deu resposta por falta de orzamento.

Outra petición que se repite de novo é a urxente necesidade de eliminar o perigoso acceso á AC-524 Ordes-Abellá dende Villamayor. Este acceso a Villamayor está emprazado nunha perigosa curva con reducida velocidade na AC-524, unha estrada de moito tráfico, especialmente tráfico pesado, que circula a gran velocidade por este punto. “Para evitar esta perigosa saída propoñemos acondicionar outro vial da zona, que sería unha alternativa moito máis segura para os condutores da parroquia de Villamayor”, explica Gómez Fuentes.

Os socialistas tamén propoñen incluír no POS unha das súas propostas máis aplaudidas nas pasadas eleccións municipais: ensanchar e acondicionar a estrada que vai dende a N-550 ata Fosado. “Queremos poder enlazar a estación do tren de Fosado co transporte metropolitano para así mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas de Ordes, o cal nos permitiría tamén asentar máis poboación ao estar mellor comunicados coas urbes que nos rodean”, sinala a voceira municipal socialista.

A proposta do PSOE de Ordes complétase coa petición dun bombeo para o saneamento na Maquía (Buscás), depuradora e saneamento en Lavandeira (Poulo) e melloras no saneamento e abastecemento en Reboredo, Piñeiro, A Gorita, Parada (en Castenda e na zona da Igrexa-O Pazo) e Pereira (abastecemento de auga na Aldea de Abaixo, a Rúa, A Igrexa e A Pedra). Así mesmo, piden o remate das obras de saneamento na Espenica e na Castiñeira.

Finalmente, os socialistas propoñen incluír un Plan de Emprego Xuvenil e outro para maiores de 50 anos no Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. A maiores propoñen un plan de fomento de ideas de negocio no rural, para recuperar poboación, un plan de limpeza de ríos e un plan de fomento do envellecemento activo dos nosos maiores.

Ningún comentario: