Fundación Granell - Homenaxe a Begoña Caamaño

A Fundación Eugenio Granell acolle  mañá sábado, 24 de outubro, ás 17:30h., un dos dous actos en lembranza e recoñecemento á escritora Begoña Caamaño no primeiro ano do seu pasamento. 

Baixo o lema "BEGOÑÍSIMA", celebrarase en Santiago de Compostela unha xornada de homenaxe. Dous actos centrarán a celebración congregando a máis de trinta profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videografíca e comunicación. 

Mesa redonda- "A Sororidade”-17:30Hs
“A sororidade é unha arma de empoderamento que só pode facernos máis libres” (Begoña Caamaño)

A Fundación Eugenio Granell acollerá a mesa sobre a sororidade e a relevancia deste concepto na articulación actual dos feminismos, coa participación das feministas: Antía Pérez Caramés, Ana Sánchez Bello, Carmen Castro Garcia e Lola Ferreiro Díaz.

Trátase dun encontro arredor dun dos elementos centrais na obra de Begoña Caamaño, “a sororidade” como empoderamento na procura dun mundo máis libre e máis xusto para as mulleres e formular ao tempo os perfís que a sororidade toma nas praxes actuais do feminismo.

Teatro Principal- 20:30hs
Preto de 30 profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videográfica e comunicación participarán no acto arredor da escritora e xornalista Begoña Caamaño falecida en outubro de 2014. Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e De Vacas porán a musica a un acto no que se proxectará a creación videográfica das Candongas do Quirombo, e as intervencións de Aldaolado, as escritoras María Xosé Queizán e Carmen Panero e a actriz Mónica Caamaño. Ademais contará coa participación de compañeiras e amigas da escritora, a produción de Concha de la Fuente e a colaboración de Elena Ferro.

Asemade serán presentados dous libros arredor da súa obra, O libro das Amigas, con deseño de Uqui Permui e ilustracións de Montse Amigo, no que 22 mulleres lembran á autora e Circes e Morganas. Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño, promovido pola Plataforma A Sega, con textos de 25 escritoras.

Begoña Caamaño
Feminista e antipatriarcal, así definía a súa obra a escritora Begoña Caamaño que con dúas novelas publicadas entre os anos 2009 e 2012 construíu un universo propio que recibiu o recoñecemento de lector@s e crítica. En Circe ou o pracer do azul aborda a reescrita en clave feminista da historia de Circe e Penélope. Morgana en Esmelle (Premio da Crítica Española, Premio Losada Diéguez e Premio AELG) recrea o mundo artúrico e Terra de Miranda cunha ollada contemporánea.

Falecida en outubro de 2014 aos 50 anos Begoña Caamaño desenvolveu a súa traxectoria profesional como xornalista na Radio Galega e mantivo unha intensa actividade vinculada ao feminismo e a distintos movementos sociais.

O Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell colaboran na iniciativa promovida por un grupo de amigas da escritora.

Ningún comentario: