Lalín - Moción Conservatorio Folque

No ano 1999 creouse en Lalín o Conservatorio de Música Tradicional e Folque, unha iniciativa que partiu da asociación xuvenil Berra de Lalín e que, grazas a Luís Areán e Ugia Pedreira, se puido converter en realidade. Con este proxecto o que se pretendía era encher un baleiro educativo no que á música galega se refire para que, a través dun plan de estudos único e creado dende o propio centro, se puidese chegar a normalizar o ensino desta música. 

Linguaxe musical, música tradicional, así como a posibilidade de participar nun combo folque, eran as ensinanzas e posibilidades que se ofrecían neste Conservatorio, ademais de cursos monográficos sobre técnicas ou instrumentos e clases de cultura musical. Un centro que chegou a ser un referente a nivel galego e que permitiu a creación de proxectos musicais de tanto relevo como Nordestinas ou Marful.

Lamentablemente, e a pesar dos seus bos resultados educativos, o centro viuse na obriga de trasladarse a Santiago de Compostela no ano 2008. A falta de financiamento foi o motivo que obrigou aos seus promotores a decidir o cambio de ubicación e a abandonar o concello de Lalín, onde se puxera en marcha a idea e onde fora gañando prestixio. 

No Pleno municipal do pasado mes de setembro o portavoz do Partido Popular, José Crespo, arrogouse a “paternidade” deste importante proxecto e boa parte dos méritos polos seus éxitos. Porén, e malia ser alcalde de Lalín naquela época, non asumiu ningunha responsabilidade no seu peche e traslado a Santiago, do que culpou directamente á falta de implicación económica da Xunta de Galicia, que naquela época estaba dirixida polo PSdeG e o BNG. Tamén acusou á Consellería de Cultura, en mans do BNG, de apoiar a instalación do Conservatorio Folque en Santiago, ao tempo que se negaban eses mesmos apoios para que o proxecto seguise en Lalín.

No ano 2009, en todo caso, produciuse un cambio de Goberno na Xunta de Galicia, que, dende aquela, está dirixida polo Partido Popular. Ademais, en febreiro do ano en curso, tomaba posesión como Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen fora concelleiro daquel Goberno municipal que tanto pulara, segundo o señor Crespo, polo mantemento do Conservatorio Folque.

Tendo en conta esta exposición de motivos e os cambios producidos na Xunta de Galicia dende a marcha do noso concello do Conservatorio Folque, o Grupo de Goberno de Lalín propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes


ACORDOS

1. Instar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, a que achegue o financiamento necesario para que o Conservatorio de Música Tradicional e Folque poida recuperar a súa actividade no concello de Lalín.


2. Instar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, a que dote ao Concello de Lalín de todos os medios loxísticos e operativos para que o Conservatorio de Música Tradicional e Folque poida desenvolver a súa actividade con todas as garantías .

Ningún comentario: