O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, ofreceu onte unha rolda de prensa para facer balance das grandes cifras que aparecen reflectidas nos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2016 e nas que se pon de manifesto, unha vez máis, “o compromiso rigoroso e firme do Goberno galego con Santiago de Compostela”.
Neste senso, Agustín Hernández subliñou o investimento directo de máis de 15 millóns de euros no concello, para a realización dos seguintes proxectos: a variante de Aradas (629.000 euros); a transferencia pola Capitalidade (2,3 millóns de euros); Consorcio de Santiago (2,6 millóns de euros); optimización do Complexo Monte do Gozo (600.000 euros); Bosque de Galicia (450.000 euros); Centro de Saúde de Galeras (3 millóns de euros) e transferencia para a promoción da música (2,1 millóns de euros). Do mesmo xeito, salientou o compromiso do Goberno galego polo transporte público metropolitano, para o cal se destina máis e 2 millóns de euros, un 77% máis que no 2015. O voceiro popular tamén incidiu no investimento para o proxecto da nova Facultade de Medicina (1 millón de euros) e para a Estación Intermodal. Con respecto a esta última infraestrutura, Agustín Hernández destacou o importante esforzo inversor da Xunta de Galicia -10,4 millóns de euros -, e do Ministerio de Fomento -15 millóns de euros- para que poida ser unha realidade no 2018.
Outro investimento ao que o representante popular tamén fixo especial fincapé foi o relativo ao Camiño de Santiago, para o que o Goberno galego destina 4 millóns de euros para actuacións na sinalización, en albergues e na mellora da propia ruta. Neste senso, indicou que, aínda que non se poden cualificar de inversións que teñan unha incidencia directa no concello, si unha repercusión secundaria, xa que “non se pode entender Santiago sen o Camiño e o Camiño sen Santiago”. “Tendo en conta estes catro millóns –continuou-, podemos falar dun investimento total no concello de preto de 20 millóns de euros”.
O representante do PP referiuse, ademais do esforzo inversor da Xunta de Galicia, ao seu esforzo en executar e cumprir coa planificación comprometida. Neste senso, salientou diversos proxectos que ou ben xa remataron ou están a piques de rematar durante este exercicio e que ascenden a máis de 5 millóns de euros: Edar da Silvouta, actuación en Carreira do Conde, aparcamento disuasorio en Pontepedriña, ampliación dos CEIP Monte dos Postes e Roxos ou a construción do centro de acollida de peregrinos. “O Goberno galego non só presuposta, senón que cumpre coa planificación e executa en tempo e forma”, salientou Agustín Hernández.
Edar de O Souto
A preguntas formuladas polos periodistas, Agustín Hernández explicou que o motivo polo que a Edar de O Souto non conta cunha partida específica nos orzamentos do vindeiro ano obedece a “un erro” que será subsanado, polo que a Edar contará con achega económica para o 2016, que permita o inicio da licitación e adxudicación das obras.
O voceiro popular lamentou a política errática do Goberno de Compostela Aberta que non aportou nada positivo na tramitación da nova Edar e que, en lugar de estar enriba dos temas para pedir achegas económicas e impulso ás actuacións, estivo mareando a perdiz. “Resulta curioso que despois do espectáculo de dúbidas, reclame agora celeridade”, finalizou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario