O CLUBE CICLISTA OS ESFOLA ARRÓS ORGANIZA ESTE DOMINGO A
PRIMEIRA “KEDADA CICLISTA FEMININA”, QUE FARÁ UN PERCORRIDO POR BRIÓN, AMES E
TEO
Ábrese o prazo
de inscrición na II marcha cicloturística en bicicleta de montaña, que terá
lugar o 17 de abril e cun límite de 400 participantes
7 de marzo de 2011. O
ciclismo será o protagonista en Brión durante os próximos dous meses, da man do
clube ciclista “Os Esfola Arrós” en colaboración co Concello de Brión. Así,
este domingo 13 de marzo terá lugar a primeira “Kedada ciclista feminina Os
Esola Arrós”, que inclúe un percorrido de 26 quilómetros polos municipios de
Brión, Ames e Teo.
Segundo explica
o clube ciclista, esta proposta “non se trata dunha marcha regulada por ningún
organismo tipo Concello ou Federación. Trátase de animar ás chicas a que
practiquen e experimenten o ciclismo de montaña”. De feito, apuntan que a
iniciativa xurdiu da man da primeira socia feminina do clube ciclista “Os
Esfola Arrós” e que será a primeira iniciativa deste estilo organizada na zona.
A participación
é totalmente de balde, se ben hai un límite de 50 participantes, polo que é
preciso anotarse durante esta semana. Para inscribirse só hai que enviar un
e-mail a: esfolaarros@gmail.com,
incluíndo datos de contacto do participante (nome e apelidos, data de
nacemento, teléfono, e-mail e poboación).
Para participar
será obrigatorio o uso do casco. As participantes sairán ás 9:30 horas da
Carballeira de Santa Minia para facer un percorrido de 26 quilómetros, de
dificultade baixa, polos municipios de Brión, Ames e Teo. “Os Esfola Arrós”
ofrecerán un pequeno avituallamento na metade do percorrido e no Pabillón
Polideportivo de Pedrouzos haberá duchas e lavado de bicicletas.
Así mesmo, xa
está aberto o prazo de inscrición na segunda edición da marcha cicloturística
en bicicleta de montaña “Os Esfola Arrós”, organizada polo Clube Ciclista Os
Esfola Arrós en colaboración co Concello de Brión. Unha iniciativa aberta a
todos os afecionados ao mundo da bicicleta, se ben compre considerar que se
trata de 40 quilómetros de percorrido cunha dificultade técnica alta e unha
esixencia física media/alta.
A marcha terá
lugar na mañá do domingo 17 de abril polos montes de Brión. Hai un límite de
400 participantes, que deberán inscribirse antes do 14 de abril a través do
blog: osesfolaaros.bolgspot.com. A cota de inscrición será de 12 euros para
ciclistas federados e de 14 euros para os non federados. Se quedaran prazas, tamén
se admitirían inscricións o mesmo día da marcha, aínda que as tarifas serían de
15 euros (federados) e 27 euros (non federados).
O percorrido da
ruta empeza na carballeira de Santa Minia para dirixirse por estrada cara a
aldea de Estrar. Síguese por pistas e sendeiros de terra e empeza a ascender un
pouco o comezo do monte Rubial, ata chegar á aldea do mesmo nome. A partir de
aquí comeza unha baixada preciosa duns 6 quilómetros pola ladeira do Rubial.
Despois de repor forzas no avituallamento líquido, comeza a subida ao punto
máis alto da ruta: a caseta do monte Rubial, onde terá lugar un avituallamento
completo para afrontar os últimos quilómetros.
Os participantes
descenderán os monte Rubial para dirixírense aos montes de Rañalonga e, logo de
cruzalos por sendeiros de cabalos, chegar ás Torres de Altamira para acabar no
pabillón municipal nunhas baixadas moi rápidas e espectaculares.

Ningún comentario:
Publicar un comentario