O TSXG dálle a razón ao Concello fronte a unha reclamación presentada por
unha empresa promotora do Milladoiro
A reclamación que presentou no seu día a empresa promotora ascendía a preto
de dous millóns de euros
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar, de xeito
firme e definitivo, unha sentenza favorable ao Concello de Ames na que
desestima o recurso de apelación interposto pola empresa Construcciones Vicente
García Porto S.L. contra a primeira sentenza ditada o pasado 15 de decembro de
2008 polo Xulgado do Contencioso – Administrativo número 1 de Santiago, que
tamén lle daba a razón ao goberno municipal ante unha reclamación que
presentara no seu día esta empresa promotora reclamándolle ao Concello a
cantidade de 1.838.244´60 euros en execución dun convenio urbanístico que o
reclamante entendía incumprido. O devandito convenio de planeamento foi asinado
no ano 1999, momento no que gobernaba o anterior alcalde, José Astray, de cara
a unha concreta cualificación duns terreos na contorna da capela da Magdalena,
na localidade do Milladoiro, o que supuña un aumento considerable da
edificabilidade e, consecuentemente do valor do chan.
Na Xunta de
Goberno local celebrada esta semana tomouse razón da sentenza ditada polo
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o recurso de apelación 4355/2009.
Esta sentencia, recibida no Concello o día 21 de febreiro, desestima o recurso
de apelación presentado empresa Construcciones Vicente García Porto S.L. contra
a primeira sentenza ditada o pasado 15 de decembro de 2008 no procedemento
ordinario número 97/2005 polo Xulgado do Contencioso – Administrativo número 1
de Santiago de Compostela. Contra esta segunda sentencia non cabe interpoñer
recurso algún polo que está considerada como una sentenza en firme e
definitiva.
A segunda sentencia,
ditada o pasado 16 de decembro de 2010 pola sala do Contencioso Administrativo
do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, desestima o recurso de apelación
interposto pola empresa Construcciones Vicente García Porto S.L. Esta sentenza
dálle a razón ao Concello de Ames nunha reclamación que presentara no seu día
este promotor reclamándolle ao Concello a cantidade de 1.838.244´60 euros en
execución dun convenio que o reclamante entendía incumprido.
Os
feitos remóntanse ao 12 de agosto de 1999, momento no que gobernaba o anterior
alcalde de Ames, José Astray, no que a empresa Construcciones Vicente García
Porto asinou co Concello de Ames un convenio de planeamento de cara a unha
concreta cualificación duns terreos na contorna da capela da Magdalena, na
localidade do Milladoiro, o que supuña un aumento considerable da
edificabilidade e, consecuentemente do valor do chan. Concretamente o devandito
convenio tiña como obxecto a determinación das obrigacións de ambas as dúas
partes e a atribución dun aproveitamento urbanístico no solo urbano de uso
residencial.
Posteriormente este convenio foi ratificado en Pleno o 28 de xuño de 2002.
A entidade García Porto era propietaria dunha finca de 1.850 metros cadrados no
polígono 12 situado no contorno da capela da Madalena, no Milladoiro, e outra
de 4.660 metros cadrados nos polígonos 24 e 25 do mesmo sector urbanístico.
A aprobación do Plan Xeral de Ames supuxo un cambio na cualificación dos
terreos citados. En concreto, e no que se refire ao polígono 12, supoñía a súa
transformación de uso residencial colectivo en edificación aberta a espazos
libres, mentres que en canto aos polígonos 24 e 25, pasou a súa cualificación
de uso industrial e uso residencial colectivo en tipoloxía aberta a un uso
residencial.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobouse finalmente nas
condicións pactadas para todo un ámbito de chan urbano non consolidado no que
se incluían os terreos do citado promotor e outros que, con posterioridade á
firma do convenio, foron finalmente adquiridos por este quen procedeu á súa
construción conforme ao plan.
Incremento da edificabilidade
Na súa reclamación o promotor sostiña que o aumento de edificabilidade
pactado no convenio debería de entenderse referido unicamente ás parcelas que
eran da súa propiedade á data da firma e non á totalidade do ámbito, coa
consecuencia de reclamar unha indemnización por ese exceso.
Polo tanto, o principal motivo que orixina o litixio é o cálculo da
edificabilidade plasmada no convenio e a resultante da modificación do
planeamento que no momento da sinatura do devandito convenio xa se iniciara. En
concreto, o promotor reclamaba a perda de edificabilidade dos 18.350 metros
cadrados de aproveitamento urbanístico que lle ofrecía o convenio subscrito e
os 11.184 metros cadrados de edificabilidade sobre rasante de uso residencial
que ten o edifico construído en dito solar que inicialmente era propiedade da
empresa Construcciones Vicente García Porto S.L. A diferencia radica en 7.170 metros
cadrados de edificabilidade que o promotor entendía que lle se debían en
cumprimento do asinado no convenio
O xulgado do contencioso administrativo de Santiago de Compostela en
primeira instancia, e agora a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de
Xustiza en apelación, dánlle a razón ao Concello de Ames e conclúe que a
interpretación que sostiña o reclamante é claramente interesada e traduciríase
nun enriquecemento inxusto.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, amosouse moi satisfeito coa resolución
deste litixio que foi provocado por unha reclamación que presentou unha empresa
promotora do Milladoiro. “Sinto unha dobre alegría pola resolución favorable
desta reclamación. A primeira razón é que triunfou a defensa dos intereses
públicos municipais evitando que o Concello tivese que aboar a importante
contía de case dous millóns de euros. A segunda é unha razón máis de carácter
persoal. É importante que o Concello de Ames non fose condenado a pagar esa
contía na actual etapa, na que estou eu como alcalde, xa que non tivemos nada
que ver nese acordo adoptado no ano 1999. O goberno actual non tivo
intervención algunha nese convenio, polo veriámonos inmersos na difícil
situación de ter que pagar preto de dous millóns de euros nun momento
especialmente difícil a nivel económico”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario