PP MELIDE - ACUSACIONS SOBRE PAGOS DE PROPAGANDA ELECTORAL


O Partido Popular acusa a Cea de pagar con diñeiro público a propaganda do BNG e do PSdeG

A voceira popular considera inadmisible que Cea teña na actualidade máis de 1.000 facturas sen recoñecer e se dedique a contratar páxinas enteiras de publicidade

O BNG recibe 400 euros mensuais como grupo político, aparte de  tres dedicacións exclusivas, e o PSdeG, 150 euros, polo que os melidenses non deberían de pagar caprichos políticos

Melide, 3 de marzo de 2011. A voceira do PP de Melide, Ánxeles Vázquez, acusa á actual alcaldesa, Socorro Cea, de sufragar con diñeiro público unha campaña de ‘autobombo’ do bipartito local. “É lamentable que o actual goberno local en lugar de apertarse o cinto como fan as familias e as empresas, se dedique a malgasta-lo diñeiro que debería investir en máis e mellores servizos”, subliña. Neste senso, considera inadmisible que, a día de hoxe, existan máis de 1.000 facturas sen recoñecer e provedores en risco de solvencia por mor da ineficacia da xestión da rexedora, e se malgaste o diñeiro de tódolos melidenses en propaganda co disimulo de ser institucional.

“O dispendio de nova rica de Cea e a gran cantidade de diñeiro que está malgastando na campaña de propaganda e ‘autobombo’ acaba de bater tódolos récords”, engadiu. Vázquez lamenta que non haxa diñeiro para as asociacións da vila ou para os provedores, pero si para malgastar en vender “fume” da xestión do actual goberno local. “Lamento que se leve a cabo esta política de malgasto, cando o que se tería que poñer en práctica son políticas de austeridade”, subliñou a voceira popular. “Tódalas familias e tódalas empresas falan de recortar  gastos para poder chegar a fin de mes, por iso esixo ó equipo de goberno que se comporte como tal e recorte os gastos superfluos”.

Tal e como denuncia Vázquez, os gobernos bipartitos “custan o dobre e fan menos” e unha mostra diso é que durante o actual mandato municipal os soldos dos concelleiros de goberno custáronlle ás arcas municipais 300.000 euros máis. A voceira popular esíxelle a Cea e ó concelleiro socialista que utilicen os 400 euros e os 150 euros que reciben mensualmente os seus grupos políticos respectivamente e os destinen para facer propaganda. Os populares esíxenlle ó actual equipo de goberno que rectifique e que “as facturas de propaganda política sexan retiradas do Concello e as paguen o PSOE e o BNG dos seus petos”. 

Ningún comentario: