O CONCELLO DE
BRIÓN CONVOCA OS PRIMEIROS EXAMES PARA OBTER AS ACREDITACIÓNS
EUROPEAS DE
MANEXO DO ORDENADOR
Os alumnos obterán un certificado de calificación en tecnoloxías da
información recoñecido a nivel internacional
8 de marzo de 2011.
O Concello de Brión convoca os primeiros exames para obter as Acreditacións
Europeas de Manexo do Ordenador, un certificado oficial da Fundación
ECDL (European Computer Driving Licence) que ten un recoñecemento a nivel
internacional. Brión é o único concello galego que pode expedir esta
certificación, que é un recoñecemento de que o alumno posúe unha formación
básica e completa en informática a nivel de usuario e supoñen tamén unha
garantía para as empresas e as administracións que contratan a esas persoas.
Unhas probas que
terán lugar os días 29, 30 e 31 de marzo no telecentro de comunicacións de
Brión. Haberá dúas quendas: de mañá (ás 10:30 horas) e de tarde (ás 20:00
horas). A convocatoria está aberta a todas as persoas que o desexen, se ben o
número de prazas é limitado e a admisión realizarase por orde de inscrición,
tendo preferencia os veciños e veciñas de Brión.
As inscricións
poden formalizarse na Casa da Cultura ou a través do teléfono 981 509908. A
cuota de inscrición e de realización do primeiro exame é de 35 euros. Os
seguintes exames terán un custe de 15 euros, mentres que a edición do diploma
suporá o abono doutros 10 euros. A Acreditación ECDL está dividida en sete
módulos, polo que o alumno pode elixir de cantos quere examinarse e a convocatoria
na que o fai.
Metodoloxía dos
exames
Para obter a
acreditación ECDL, o alumno ten que superar os sete módulos nos que está
estructurado. “O alumno ten media hora para examinarse de cada módulo e ten que
aprobar un 75% das preguntas. Cando aproban catro módulos reciben un primeiro
diploma acreditativo e cando superan os sete reciben a acreditación ECDL. Se
fan os sete dunha vez, xa só reciben a Acreditación ECDL”, explica o técnico
municipal de Novas Tecnoloxías e examinador destas probas, Julio Mallo Nieto.
Os exames realizaranse presencialmente no telecentro de Brión, onde o alumno
terá que respostar a 36 preguntas tipo test en media hora.
Os módulos nos
que está dividido a acreditación ECDL son:
Conceptos básicos
das tecnoloxías da información. Neste módulo requírese que o alumno demostre
que coñece o funcionamento do ordenador e algúns coñecementos sobre tecnoloxías
da información.
Uso do ordenador
e xestión de ficheiros. Neste módulo o candidato amosa a súa competencia no uso
das funcións básicas do ordenador e do seu sistema operativo.
Tratamento de
textos.
Follas de
cálculo.
Bases de datos.
Presentacións.
Información e
comunicación.
Informática de
usuario
Os módulos nos
que está estruturada a Acreditación ECDL coinciden cos distintos cursos de
informática de usuario que está a impartir o Concello de Brión, a través de
Antonio Casal, docente encargado das certificacións. De feito, mentres que a
convocatoria de hoxe está aberta a todos os públicos, o Concello de Brión fará
unha segunda convocatoria específica para os alumnos e alumnas brioneses que
participaron ao longo do ano nos cursos de informática de usuario.
A ECDL é unha
acreditación internacional europea que outorga o recoñecemento de posuir unha
formación básica e completa en informática a nivel de usuario. Está xestionada
pola Fundación ECDL e está implantada en toda Europa (baixo as siglas ICDL) e
no resto do mundo. Esta acreditación xurdíu como unha iniciativa do Consello
Europeo de Asociacións Profesionais de Tecnoloxías da Información (CEPIS) para
promover e aumentar a competencia dos europeos no uso das tecnoloxías da
información. A acreditación ECDL está recomendada pola Comisión Europea e en
España está supervisada pola Asociación de Técnicos de Informática, que se
encargan de coordinar aos distintos centros homologados autorizados a expedir a
acreditación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario