PP SANTIAGO


Espadas confirma que Incolsa se atopa practicamente en quebra técnica

Arquivado en:   — sbaston @ 12:12 pm
Segundo se desprende das contas aprobadas fai mes e medio
O concelleiro responsable do seguimento da área de Turismo do Grupo Municipal Popular, Ángel Espadas, confirmou hoxe que Incolsa atópase practicamente en quebra técnica, segundo se desprende das contas aprobadas fai mes e medio.
Espadas compareceu hoxe en rolda de prensa para facer un repaso da política turística de Santiago unha vez superado o primeiro tercio do Ano Santo, e na que se referiu ás contas da Sociedade Municipal de Turismo amosando a súa preocupación porque, nestes momentos, o balance de perdas e ganancias da Sociedade sinala un resultado negativo de 484.536,89 euros, segundo a cifra recollida na Auditoría das Contas.
Tamén reflexa un patrimonio neto do balance de situación de -323.584,09 euros, que segundo os auditores “sitúa á empresa nunha das causas de disolución contempladas no artigo 260.1.4 do texto refundido da Lei de Sociedades Anónimas”.
O concelleiro popular fixo un chamamento á cordura e pide que se devolva a confianza perdida á Incolsa. Tamén destacou a profesionalidade do persoal de turismo de Santiago, que “desenvolven ben o seu traballo a pesares da incertidume da empresa municipal e do seu futuro”.
No referido ós gastos da empresa, dixo que os de explotación superan os 300 millóns de pesetas, e que parece non verse reflexado na promoción exterior da cidade. Tamén que o 30% do total dos gastos corresponden ó persoal, que son algo máis de 800.000 euros.
O concelleiro responsable do seguimento da área de Turismo opina que Incolsa neste momento está convertida nun producto de consumo interno dos políticos responsables, máis que nunha ferramenta da promoción exterior da cidade.
Na rolda de prensa, Espadas falou tamén das subvencións concedidas, informando que superan os 400 millóns de pesetas, e que o gasto en compañías aéreas low cost foi de 170.000 euros, xa que do resto encargouse directamente a Xunta de Galicia.
Chamou a atención tamén sobre o feito de que se deixaron de ingresar 40.000 euros no ano 2008, e 34.800 euros no ano 2009 por parte da Cámara de Comercio polo incumprimento do Convenio por parte de Incolsa. Tamén dixo non entender como nun Ano Santo e dada a situación da sociedade a empresa non conta con orzamento aprobado a día de hoxe o que “amosa a desidia por parte do alcalde e o concelleiro de Turismo e o máis absoluto desprezo ó sector máis importante da economía da cidade”.
Espadas sinalou que dita desidia levou ó pago de case 8.000 euros por intereses de demora na cancelación dunha póliza de crédito con Caixa Galicia.
Segundo os datos dos que dispoñen cos conselleiros da Empresa Municipal de Turismo, as facturas pendentes de pago a 31 de decembro de 2009 suman 640.128,83 euros, e a 14 de abril de 2010, 728.865 euros, máis de 120 millóns de pesetas. Tamén que os principais acredores de Incolsa son axencias de viaxes da nosa cidade, empresas de deseño gráfico e a USC.
Na súa intervención, o concelleiro popular se referiu tamén o esquecemento do Ano Santo por parte de Turismo de Santiago “xa que no se fixo ningún tipo de promoción específica”, polo que denunciou as escasas referencias a este evento no 2010, así como o desprezo ó principal activo do turismo en Compostela, o Camiño de Santiago. “É necesario fomentar o respecto polas nosas tradicións e o noso orixe”, manifestou Espadas, quen lembrou que, por exemplo, Turismo de Burgos está a facer moita máis promoción do Camiño e do Ano Santo que Turismo de Santiago, ou que Turgalicia está a facer unha campaña especial de promoción en centros comerciais de toda España.
O concelleiro popular lamentou a existencia dunha única oficina de información turística en Santiago, a da rúa do Vilar, xa que permanecen pechadas as oficinas de Xoán XIII, San Lázaro, Aeroporto etc.
Tamén falou da escaseza de soporte documental da nosa cidade na oficina de turismo municipal, e o rexeitamento que o goberno fai da colaboración da Xunta de Galicia na cuestión informativa, xa que Turgalicia tiña previsto unha acción nas rúas de Compostela na tempada alta de 2010 para aumentar os contidos e animación, coa presenza de 17 estruturas itinerantes que cunha imaxe moderna e orixinal suporía un reclamo para os visitantes, axuda rexeitada por parte do goberno municipal.
Santiago Convention Bureau
Na rolda de prensa, o concelleiro tamén falou da parálise de Santiago Convention Bureau, e dunha xestión descoñecida ou inexistente. Lamentou que non se puxera en marcha ningún tipo de acción específica con motivo do Ano Santo, e que non exista ningún tipo de política de atracción de congresos e reunións a nosa cidade.
Chamou a atención polo fracaso do diálogo cos socios do Santiago Convention Bureau, que dado “o seu estado moribundo” levou ós socios a deixar de pagar as súas cotas por sentirse absolutamente excluídos.
O concelleiro popular rematou a súa intervención falando da falla de información que se lle da ós conselleiros de Incolsa, e de como non se lles deu traslado do Plan Estratéxico para evitar a súa participación. Tamén da falla de convocatorias de Consellos ordinarios dende o 23 de outubro de 2009, cando os estatutos de Incolsa obrigan a facelo unha vez cada tres meses.
Canto ó Consello Municipal de Turismo, creado para dar resposta á petición reiterada do Grupo Popular de constituir unha comisión de preparación do Ano Santo, Espadas criticou que non se reunira dende outubro de 2009.

Ningún comentario: