O CONCELLO DE BRIÓN APOIA A
REIVINDICACIÓN
DO CAMIÑO XACOBEO ENTRE NOIA E SANTIAGO
O alcalde Xosé Luís
García invita aos veciños a sumarse á peregrinación reivindicativa do sábado 21
de maio
19 de maio de 2010.- O Concello de Brión apoia a reivindicación como
Camiño Xacobeo da ruta que une Noia con Santiago, e que transcorre tamén polo
municipio brionés. Neste sentido, apoia a iniciativa das tres patronais de Noia
(Noia Histórica, Punto Comercial San Lázaro e Asociación de Empresarios) e do
Concello de Noia de organizar unha peregrinaxe a Compostela este venres 21 de
maio, co gallo da celebración de Santa Rita.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, considera que “sempre se dixo que
Noia era o porto de Compostela, sobre todo desque arredor do século XII
deixaron de atracar barcos en Padrón, polo que foron moitos os pelegríns que
chegaron a visitar o Apóstolo dende aló, atravesando Brión”. De feito, algunhas
lápidas sepulcrais da igrexa de Santa María a Nova dan testemuño dos moitos
pelegríns que chegaron a Santiago por mar a través do porto noiés.
Neste sentido, o Concello de Brión anima aos veciños e veciñas que o
desexen a que se sumen á peregrinación reivindicativa, que terá lugar o
vindeiro 21 de maio aproveitando a tradicional camiñata de Santa Rita. Así,
quen desexe participar terá que porse en contacto con Noia Histórica antes do
20 de maio.
Esta non é a primeira ocasión na que o Concello de Brión reivindica a
delimitación deste camiño. Xa no ano 2003, o Concello brionés dirixíuse á Xunta
de Galicia para informar da posible presenza duns restos arqueolóxicos na zona
de Paradela, cuxo mesmo nome indica lugar descanso (“paradiña”).
Ningún comentario:
Publicar un comentario