CAMPAMENTOS, OBRADOIROS, INFORMÁTICA,
COCIÑA PINTURA E PEREGRINACIÓN A SANTIAGO COMPOÑEN
A OFERTA DO CONCELLO DE BRIÓN PARA O
VERÁN
A gran novidade deste
ano é a realización do Camiño de Santiago dende O Cebreiro
18 de maio de 2010.- O Concello de Brión vén de elaborar unha completa
oferta de lecer para os meses de verán, denominada “Brión-verán 2010”, que está
dirixida especialmente aos máis novos do municipio. Un programa que inclúe un
total de oito actividades, algunhas xa tradicionais como os obradoiros de
verán, o curso de cociña para rapaces, o campamento infantil ou o curso de
iniciación á pintura; e tres novidades: un curso de novas tecnoloxías, o
intercambio xuvenil con Guillena e unha peregrinación a Santiago de Compostela.
Aproveitando a celebración do Ano Santo, o Concello de Brión vai levar a
cabo dúas actividades co Camiño de Santiago como gran protagonista. Así, entre
o 12 e o 18 de xullo, o Concello de Brión organizará unha peregrinación ata
Compostela para rapaces de 13 a 17 anos do municipio. Unha viaxe que se fará
dende O Cebreiro e que ten unha cota de inscrición de 25 euros.
Así mesmo, un centenar de mozos e mozas de Brión, de entre 18 e 35 anos,
poderán viaxar entre o 23 e o 30 de xullo a Guillena (Sevilla) para participar
no terceiro Intercambio Xuvenil con Guillena. Unha viaxe que devolverán en
agosto un centenar de mozos de Guillena, interesados en coñecer Brión e
achegarse ata Compostela neste ano Xacobeo. A cota de inscrición neste
intercambio é de 80 euros.
Obradoiros de verán
A oferta de lecer do Concello de Brión para este verán comezará a finais de
xuño, coa convocatoria dun curso de iniciación á pintura. Un obradoiro dirixido
a rapaces e rapazas de entre 6 e 13 anos de idade que terá lugar no CEIP de
Pedrouzos. Os rapaces de 6 a 9 anos asistirán en horario de 10.30 a 12:00
horas, mentras que os rapaces de 10 a 13 anos farán o propio de 12:00 a 13:30
horas. O curso desenvolverase en dúas quendas: do 23 ao 30 de xuño e do 1 ao 8
de setembro. A cota de inscrición é de 25 euros.
Así mesmo, para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos
pais e nais de Brión, o Concello programou unha nova edición dos Obradoiros de
Verán, que ocuparán as mañás do mes de xullo dos rapaces de entre 3 e 12 anos
de idade. O Concello de Brión mantén o mesmo prezo do ano pasado (60 euros) e
porá un autobús gratuíto para recoller aos rapaces nas paradas do transporte
escolar. Estes obradoiros, que se impartirán nas instalacións do CEIP de
Pedrouzos, terán lugar de luns a venres do 1 ao 31 de xullo (excepto festivos)
en horario de 10:00 a 13:30 horas.
Cociña e novas tecnoloxías
Para as tardes do mes de xullo, o Concello de Brión convoca un curso de
novas tecnoloxías, dirixido a rapaces de entre 4 e 15 anos de idade. Os rapaces
clasificaranse segundo a súa idade e terán dúas clases semanais, de 45 minutos
cada unha, no Telecentro de Comunicacións. A cota de inscrición é de 15 euros.
Así mesmo, o Concello de Brión ofrece tamén unha nova edición do seu
Obradoiro de Cociña, no que pequenos de entre os 6 e os 15 anos de idade
aprenderán a facer distintos pratos: dende pizzas ata asados. O curso, que terá
lugar todos os mércores do mes de xullo no CEIP de Pedrouzos, ten unha cota de
inscrición de 15 euros.
O programa “Brión-verán 2010” rematará no mes de agosto, coa celebración do
tradicional campamento infantil. Un campamento dirixido a rapaces e rapazas de
8 a 12 anos de idade e que terá lugar do 2 ao 13 de agosto. O Concello de Brión
baralla dúas posibilidades, segundo o número de rapaces que se anoten: o
campamento xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son) ou o campamento xuvenil
Espiñeira (Boiro). En ambos casos, a cota de inscrición é de 60 euros.
Todas estas actividades están dirixidas aos nenos e mozos empadroados en
Brión, que terán preferencia á hora das anotacións. As inscrición poden
formalizarse na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08. Todas as
actividades teñen un número de prazas limitado, polo que a admisión realizarase
por rigurosa orde de inscrición. No caso de quedar prazas libres, a inscrición
abrirase tamén a rapaces de fóra do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario