BNG A ESTRADA


O BNG propón rematar xa a tramitación do PXOM e adaptalo posteriormente á nova Lei do Solo

O PP está utilizar manobras espúreas e dilatorias para impedir a aprobación do PXOM

A Estrada, 19 de maio de 2010: O Grupo Municipal do BNG da Estrada explicou esta mañá cal vai ser o seu posicionamento a respecto da adaptación ou non do PXOM á nova Lei do Solo. Para o BNG urxe aprobar canto antes o PXOM, non só para rematar coa indefensión xurídica que hai no noso Concello, senón para reactivar a economía local, moi mermada no actual contexto de crise económica, o que fai do PXOM unha ferramenta imprescindíbel para alcanzar este obxectivo.
Para o BNG da Estrada, ademais, as modificacións contempladas na nova Lei do Solo non melloran en absoluto a edificabilidade no rural, todo o contrario, eliminan por completo as áreas de expansión dos núcleos rurais, ao tempo que se redifinen estes.
Neste sentido o BNG da Estrada defenderá na Comisión Informativa do mañá xoves, a continuidade da tramitación do PXOM, adaptándoo, unha vez aprobado, á nova Lei do Solo.
Malia que o esgrimido anteriormente xa é razón abondo para desbotar agora a adaptación á Lei do Solo, o BNG ampárase na toma desta decisión na propia Lei do Solo, que na Disposición Adicional Primeira di textualmente que “Os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.”. Temos que recordar que a aprobación inicial do PXOM da Estrada fíxose o 30 de xaneiro de 2006, tal e como o recoñece a propia Consellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Urbanismo. E non só iso, para o BNG a adaptación agora do PXOM entraría en contradición coa orde de 5 de maio, da daquela COTOP, que indicaba os aspectos que compriría modificar no PXOM para que este fora aprobado pola Consellaría.
Neste sentido entendemos que o PP, que dirixe a actual Consellaría que aprobaría definitivamente o PXOM da Estrada, está a utilizar manobras espúreas e dilatorias para que o noso Concello non teña Plan Xeral, e introducir este debate en plena campaña electoral.
Para o BNG da Estrada estas manobras do PP son única e exclusivamente por cuestións electorais. Ao PP non lle interesa A Estrada nin o seu futuro, e utilizará todas as súas armas políticas para derrubar calquera intento que haxa de dotar o noso Concello dun Plan Xeral. A historia recente demostra ademais que PP e PXOM son absolutamente incompatíbeis, só temos que recordar os 16 anos de goberno Popular para decatármonos de que a este partido non lle interesa aprobar ningún PXOM.
Desde o BNG da Estrada apelamos á sensatez política das restantes forzas políticas con representación municipal para aprobar xa o PXOM, facendo as adaptacións oportunas posteriormente, xa que é vital para que o Concello se dote dos equipamentos (centro de día, centro de saúde, ...) que tanta falta nos fan, de solo industrial que xere emprego, e dunha seguridade xurídica da que carece actualmente.

Ningún comentario: