BNG Ames - O BNG pregunta polo centro de saude do Milladoiro no parlamento

O BNG lamenta que a Xunta de Galiza non se comprometa a iniciar as obras do Centro de Saúde do Milladoiro neste ano
A deputada Ana Pontón preguntoulle onte ao director de asistencia Sanitaria, Félix Rubial, quen non foi capaz de concretar nada sobre esta necesaria infraestrutura 
O desleixo e incompetencia do PP farán que a cidadanía do Milladoiro teña que seguir esperando xa que non hai prevista unha partida nos orzamentos deste ano para o centro 

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza Ana Pontón, preguntouonte ao Director de Asistencia Sanitaria da Xunta de Galiza, Félix Rubial Bernárdez, cando se ía comezar a construír o Centro de Saúde do Milladoiro pero non recibiu máis que evasivas. Aínda que Rubial recoñeceu que o centro “non está dimensionado para atender aos pacientes” e que as obras “faranse no prazo máis breve posible en función das dispoñibilidades orzamentarias”, o certo é que neste 2014 non hai orzamento consignado. Ademais, a respecto da parcela que xa hai a disposición da Xunta, Rubial tampouco foi capaz de aclarar se estaba xa recepcionada para seguir cos trámites, co cal os nacionalistas consideran que é a escusa que están a utilizar para darlle largas á construción do centro. Todos os datos e as evasivas e respostas confusas que deu o director xeral esta mañá fan que desde o BNG denuncien que, efectivamente, non se comezará neste ano a súa construción.

Os nacionalistas denuncian que o Centro de Saúde do Milladoiro padece humidades e filtracións cos problemas consecuentes —pingueiras, cheiros, fungos— dende hai anos. O desprendemento de parte do teito, que obrigou o Sergas a precintar a sala de análises e control do Sintrón, era consecuencia previsible, polo cal o Concello de Ames e a Xunta de Galiza tiña que ter tomado medidas hai tempo. Ademais, o actual edificio, de propiedade municipal está pensado para atender a poboación que O Milladoiro tiña hai máis de 20 anos, unhas 2000 persoas. Pero actualmente viven nesta localidade máis de 12.000 persoas de dereito, polo que é absolutamente insuficiente e está saturado. O BNG de Ames vén esixindo que o goberno de Santiago Amor arranxe o máis axiña posible as deficiencias da cuberta deste vello centro de saúde. Mais, como aseguran os nacionalistas, arranxar os problemas máis perentorios é só un parche que non soluciona o verdadeiro problema da atención sanitaria no Milladoiro, que pasaría necesariamente por ter un novo centro de saúde.

Dende o ano 2009 está aprobado e licitado o proxecto de novo centro, mais unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou en 2009 o plan parcial do sector onde se localizaría o edificio. Tal situación urbanística non impediu que en 2010 a daquela conselleira de Sanidade Pilar Farjas prometera a bombo e prato que en 2011 construirían 22 novos centros de saúde, entre eles, o do Milladoiro. No Pleno do Concello de Ames de maio de 2013 o actual Goberno municipal aprobou definitivamente o plan parcial do sector polo que xa era posible cederlle o terreo á Xunta de Galiza e iniciar o concurso e a construción. Mais nos orzamentos da Xunta de Galiza de 2014 non hai nin unha soa partida destinada á construción do novo centro. 

É por todo isto que os nacionalistas fixeron esta pregunta no Parlamento de Galiza para que desde a Xunta se aclarara cal é a situación actual. O director xeral non concretou se a Xunta aceptou a cesión da parcela e os nacionalistas entenden que precisamente a parcela é a escusa perfecta para non levar a cabo esta infraestrutura. Pontón deixa claro que entenden que a parcela non é o problema desde o momento no que existen como mínimo dúas parcelas no concello que se poderían ceder e senón a Xunta ten mecanismos para dotarse de solo para a construción do centro. Por iso, esta mañá, nas respostas á deputada do BNG, ficou claro que, grazas ao desleixo e á incompetencia do PP, a cidadanía do Milladoiro vai ter que seguir esperando polo tan necesario novo centro de saúde, pois o PP non concreta se aceptou a parcela e tampouco preveu nos orzamentos da Xunta de Galiza de 2014 nin un só céntimo para o novo edificio.

Ningún comentario: