O Partido Popular de Santiago acusa ao alcalde de tratar de silenciar aos grupos da oposición

 “Non é que nos fóramos; é que hai tempo que o alcalde e o seu grupo de goberno expulsáronos politicamente do pleno”, subliñou Sánchez-Brunete
Tal e como indicou o concelleiro, o “desencadeante” desta decisión foi o sucedido coa Nave 5, xa que no pleno do 18 de febreiro, acordouse -sen a oposición de Compostela Aberta-, que se realizase un proceso de audiencia pública das condicións do concurso para a concesión dos postos do mercado, pero “en apenas unhas semanas máis tarde, o goberno aproba uns pregos de condicións sen realizar ese proceso de audiencia”. “Hai un desprezo descarado a un mandado político -engadiu-, desprezo especialmente grave neste caso, tendo en conta que a falta de audiencia á empresa xestora tamén é subliñado pola Intervención Municipal”, o que pon en evidencia as mentiras reiteradas o alcalde con respecto a que a cooperativa do mercado foi escoitada e tida en conta para a redacción dos pregos.

Son moitos os incumprimentos plenarios por parte de Compostela Aberta, o que pon de manifesto “o permanente baleirado democrático” levado a cabo nos últimos meses polo goberno. “É unha burla de Compostela Aberta ao pleno, que é o órgano no que están representados miles de cidadáns”, lamentou Sánchez-Brunete, quen denunciou que o que propón o equipo de goberno é a súa clausura, tal e como está recollido na súa proposta de modificación do regulamento, onde o único interese de Compostela Aberta é reducir o número de iniciativas dos grupo e os tempos de intervención. “O que pretenden é silenciar a voz dos cidadáns representados”, subliñou. “Noriega ten o complexo do Rei Sol: ‘A cidade son eu’; pero non, a cidade non é el, é a corporación. O alcalde Noriega volve a ser o comandante Noriega: acuartelado na súa soberbia, encastelado no seu sectarismo; encaramado na súa prepotencia, blindado pola súa hipocrisía”. Neste senso, recordou que o programa electoral de Compostela Aberta fai referencia textualmente a “recuperar a centralidade do pleno do concello como órgano decisorio” e, tamén, que o pleno “garanta a capacidade propositiva dos grupos municipais”.

A perda da calidade democrática non vén dada unicamente por non aceptar o mandato do pleno, senón tamén por non aceptar a función de control e fiscalización que lle corresponde aos grupos da oposición. Neste senso, referiuse á negativa do grupo de goberno de contestar a dúas preguntas orais dos populares, relativas a coñecer os motivos polos que o concello non se personou no litixio en contra do servizo de transporte público a Os Tilos e, tamén, saber as razóns do incremento do 130% no custe dos comedores escolares. “O que tivemos como resposta foi unha actitude desvergonzada dos concelleiros”, destacou.

Ningún comentario: