Agustín Hernández denuncia ataques continuos do goberno local a institucións da nosa cidade, como a Banda Municipal de Música, e a eventos consolidados, como a Feira do Libro
O voceiro do Grupo Municipal do PP, Agustín Hernández, ofreceu unha rolda de prensa para denunciar o “desmantelamento” que o goberno de Compostela Aberta está levando a cabo no proxecto cultural da cidade, así como tamén “o desprezo e os ataques continuos a institucións de acción cultural de Santiago”. “A actuación do goberno -engadiumóvese entre o deixamento e a falta de compromiso”.
Neste senso, referiuse á situación do Auditorio de Galicia que, desde o mes de xullo do ano pasado, leva sen xerente por “unha decisión precipitada e sectaria” de Compostela Aberta; así como tamén a situación de “abandono” na que se atopan os centros socioculturais que, desde o 14 de marzo, están sen contrato polo que o servizo se está a prestar sen marco legal. Do mesmo xeito, Agustín Hernández fixo especial fincapé na falta de apoio municipal á Banda Municipal de Música e acusou a CA de estar mirando para outro lado, en lugar de atender os avisos do director. Tal e como lamenta o voceiro popular, o goberno local intenta “crear debates onde non os hai e centrarse no seu custe”, cando o que debería facer é buscar unha solución e elaborar unha proposta de futuro. “Tema que toca Compostela Aberta, tema que estraga”, subliñou Agustín Hernández, quen denuncia que a última prexudicada é a Feira do Libro de Santiago.
Neste senso, acusa ao Goberno local de “facer revisionismo” e ínstao a que explique o modelo que ten pensado desenvolve nos vindeiros anos. Por iso, o grupo popular presentará unha batería de preguntas escritas para coñecer, tamén, os motivos da retirada de axudas á Feira do Libro e por que o concello aconsella mudar un modelo de feira que se celebra en 14 localidades de Galicia e que, este mesmo ano, se aumentou en dous novos concellos. O voceiro popular acusou á concelleira de Acción Cultural de mentir, ao declarar que a Federación de Libros presentouse á convocatoria aberta de subvencións que abriu o concello e que está pendente de resolución, “cando sabe que este tipo de entidades non poden concorrer a estas axudas por estar así recollido nas bases da convocatoria”.
Para finalizar, Agustín Hernández tamén se interesou polas xestións realizadas polo alcalde, tanto no eido cultural como turístico, durante a súa estancia en Arxentina.
Tal e como subliñou, a viaxe á Feira do Libro de Bos Aires era “unha magnífica oportunidade” para desenvolver actos propios de promoción económica e turística da nosa cidade. Arxentina é o segundo país de América do Sur en número de peregrinos que recibe a nosa cidade. Desde 2011, o número de visitantes arxentinos duplicouse, o que reflicte “o interese que esperta Santiago, o Camiño e Galicia nese país”. Por iso mesmo, os populares tamén presentarán un paquete de preguntas escritas para coñecer as xestións realizadas, os actos nos que participaron e os encontros mantidos con
diferentes entidades e colectivos.
“Resulta curioso que, sendo a cultura unha das bandeiras nas que se envolve Compostela Aberta, teña este grao de insensibilidade e cree máis problemas dos que resolve”, finalizou Agustín Hernández.
Ningún comentario:
Publicar un comentario