Dentro do ciclo celebran a IV Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia; un concerto da Banda Municipal de Música con soprano e a primeira ópera da asociación coa colaboración da ESMAE de Oporto, para conmemorar o Día Europeo da Ópera
A concellaría de Acción Cultural colabora coa asociación de Amigos da Ópera na programación do Maio Lírico 2016, que esta asociación organiza para conmemorar o Día Europeo da Ópera. En total, serán tres actividades, todas elas de entrada libre: a IV Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia; un concerto da Banda Municipal coa soprano Teresa Novoa; e ‘Dido e Eneas’ de Henry Purcell, primeira ópera que presenta a asociación e que se fai en colaboración coa ESMAE de Oporto.
A programación completa foi presentada esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; e o presidente e secretario da asociación, Jesús Couceiro e José María Miranda. Ademais do Concello, colaboran con este ciclo a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ateneo de Santiago, Campus Culturae da USC, a ESMAE-Politécnico do Porto e a Fundación José Otero-Carmela Martínez.
Hoxe mércores 4 de maio celébrase a primeira das actividades, a IV Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia que se fai por cuarto ano consecutivo no Teatro Principal, ás 20.00 h. Nela participan estudantes de canto dos conservatorios de toda Galicia, competindo polo premio á mellor interpretación de ópera e o premio á mellor interpretación de zarzuela, que son outorgados por un xurado de expertos. Ademais, o público elixe no descanso a súa interpretación operística favorita.
O 8 de maio celébrase no Teatro Principal ás 12.00 h, un concerto da Banda Municipal de Música en colaboración coa asociación. Estará dirixido polo director titular da Banda, Juan Miguel Romero Llopis, e contará coa soprano galega Teresa Novoa. Interpretarán, entre outras obras, fragmentos de ‘As vodas de Fígaro’ de Mozart; ‘As fillas do Zebedeo’ de Chapí; ‘Orfeo e Eurídice’ de von Gluck; ou o ‘Negra Sombra’ de Rosalía de Castro.
E o 22 de maio péchase a programación do ciclo coa primeira ópera que pon en marcha a asociación: ‘Dido e Eneas’ de Henry Purcell. Trátase dunha versión semiescenificada que realizan en colaboración coa ESMAE de Oporto e que ten na dirección musical a Magna Ferreira e na dirección escénica a Catarina Costa e Silva. Será ás 20.00 h no Paraninfo da USC.
Ningún comentario:
Publicar un comentario