Arzúa réndelle homenaxe ás Letras Galegas con música, danza e literatura

Arzúa celebrará este mes de maio cunha programación especial para conmemorar o Mes das Letras; o Departamento de Cultura será o encargado de diseñar unha programa de actividades destinado a todos os públicos. 
6/5/2016 - As propostas culturais comezarán mañá sábado, día 7, cun contacontos na Biblioteca Municipal a cargo de Caxoto Contacontos e o espectáculo ‘Carteiro na bicicleta’ nunha sesión especial adicada a Manuel María que dará comezo ás doce do mediodía. Na xornada do sábado tamén arrica o novo programa educativo ‘Formando en familia’ que ofrece os sábados deste mes propostas formativas para familias co fin de mellorar a comunicación e habilidades para a resolución de conflictos cotiáns. A primeira sesión titulada ‘SOS. O meu fillo está medrando. Dúbidas, inquedanzas e medos’ realizarase ás once da mañá no recinto feiral Terra do Queixo. As seguintes propostas levaranse a cabo os sábados 14, 21 e 28.

Por outra banda, para o martes 17, resérvanse os actos centrais co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Nesta xornada levaranse a cabo as actuacións do grupo de música e baile tradicional O Bringuelo e de Os Monifates, xunto cun obradoiro de xogos populares e tradicionais e a exhibición de pintura en directo en homenaxe a Manuel María a cargo de Noa Persán. Todo isto será a partir das cinco da tarde na Praza de Galiza ou no recinto feiral, en caso de mal tempo.

A programación complétase coa celebración da quinta feira de segunda man, artesanía e oportunidades ‘Arzúa Vende’ o sábado 14 e coa posta en marcha da campaña ‘Non trabes a túa lingua’ co fin de defender e promover o uso do idioma galego. Para isto, farase un reparto de material divulgativo en diversos establecementos públicos e instalacións municipais e promocionarase tamén a través das redes sociais e a radio local.

Ningún comentario: