5/05/2016 - O PSdeG-PSOE de O Pino denuncia que o centro de saúde da localidade está sen servizo de pediatría dende hai días, debido a que a Consellería de Sanidade non cubre a baixa da facultativa que ocupa esta praza, o que está a ocasionar importantes listas de espera para as citas e revisións programadas e falta de atención médica axeitada aos pequenos do concello.
Os socialistas entenden que un servizo tan esencial como a atención médica infantil "debe estar garantido aínda que a pediatra titular estea de baixa ou de vacacións" e esixen á Xunta a incorporación inmediata dun especialista para cubrir esta baixa. O secretario xeral dos socialistas, Óscar Vilar, subliñou o "malestar e enfado" que esta falta de servizo médico está a ocasionar entre as familias da localidade e apuntou que "a existencia de servizos axeitados no rural é primordial para que éste non desapareza". "Sentímonos claramente perxudicados con esta decisión da Consellería de Sanidade", apuntou. Asimesmo, dende o PSOE local veñen demandando hai tempo a implantación dun servizo de atención pediátrica diario, xa actualmente só contan con él os luns, mércores e venres, polo que os restantes días da semana os nenos teñen que ser trasladados ao centro de saúde de Touro, o que supón uns desprazamentos duns 17 quilómetros que poden supor tamén unha importante perda de tempo no caso de atención urxente, xa que Santiago, a zona de referencia na atención hospitalaria da comarca, está máis lonxe de Touro que de O Pino.

Ningún comentario:
Publicar un comentario