O PSOE solicita no Congreso dos Deputados a cesión da titularidade da estación da Pontraga ao Concello de Ordes para fin sociais, turísticos e culturais
A deputada Paloma Rodríguez presentou unha Proposición non de Lei a instancias da Agrupación Socialista de Ordes, que considera abusivo que o Concello teña que pagar 9.000 euros anuais ao ADIF pola instalación
A deputada socialista Paloma Rodríguez vén de presentar ante o Congreso dos Deputados, a instancias da Agrupación Socialista de Ordes, unha proposición non de lei para que o Goberno ceda a titularidade da antiga estación de ferrocarril da Pontraga ao Concello de Ordes. “Unha cesión que tería lugar por un importe simbólico e co compromiso de que as instalacións se dediquen a fins de tipo social, turístico, cultural e dinamizador do benestar dos veciños e da economía de Ordes”, explica o voceiro municipal Xesús Pedreira, quen onte mércores acompañou a Paloma Rodríguez durante a súa visita á estación da Pontraga.
Pedreira lembra que o 27 de marzo de 2008, o Concello de Ordes e o ADIF asinaron un contrato de arrendamento tanto do inmoble da estación da Pontraga como da totalidade do recinto ferroviario por un período de 23 anos. Vintetrés anos durante os cales o Concello de Ordes tería que abonar o pago dun aluguer de 9.000 euros anuais, o que suporía un gasto total mínimo de 207.000 euros. Xesús Pedreira considera que “nestes tempos de crise económica é abusivo que o Concello teña que pagar estas cantidades, sobre todo tendo en conta os investimentos e os traballos realizados na Pontraga, especialmente durante os obradoiros de emprego, que impediron a total desaparición deste inmoble, que estaba totalmente abandonado polo ADIF a pesar do seu valor arquitectónico”.
Os socialistas de Ordes agardan que o ADIF ceda a titularidade do inmoble e lembran que se a estación continúa en pé foi grazas aos investimentos realizados polo Concello de Ordes. “Xa lle temos reclamado en moitas ocasións a ADIF a cesión da Pontraga, incluso chegamos a iniciar conversas formais nese sentido pero non avanzan”, explica Pedreira, quen considera que “nos tempos que corren o Concello de Ordes non pode afrontar un gasto semellante, xa que ten que dar resposta a outras problemáticas”.
A última vez na que os socialistas ordenses reclamaron a cesión da Pontraga foi a finais de 2013, coincidindo coa presentación da súa proposta de Senda Verde. Unha reclamación que tampouco foi atendida por ADIF. Neste sentido, Pedreira explica que “non ten sentido seguir abonando 9.000 euros anuais a ADIF cando eses cartos poderían investirse en continuar no mantemento da Pontraga para que poda estar a disposición dos veciños e veciñas de Ordes, que poderían utilizala para actividades sociais, cultural ou turísticas”.
Historia da Pontraga
A estación de ferrocarril de Pontagra foi construída durante os anos 20 baixo o deseño do arquitecto Ramón Cortázar, como estación xemelga da Estación de Azpeitia, que hoxe alberga a sé do Museo Vasco do Ferrocarril. A estación da Pontraga, de innegable valor arquitectónico, estivo en funcionamento prestando servizos ferroviarios dende a súa construción ata que a liña férrea modificou as súas frecuencias e paradas, quedando dende entón inutilizada.
O 17 de marzo de 2008, o Concello de Ordes e o ADIF asinan un contrato de arrendamento que inclúe a rehabilitación e a recuperación integral tanto do inmoble como da zona. Para iso, durante os anos 2008, 2009 e 2010, estas dependencias foron obxectos de diversas actuacións a través dos alumnos de varios obradoiros de emprego concedidos pola Xunta de Galicia ao Concello de Ordes. A iso hai que engadir os propios investimentos realizados polo propio Concello para o mantemento e conservación do inmoble. En total, estamos falando dun investimento duns 350.000 euros.
O 4 de marzo de 2009, durante o acondicionamento do edificio central, o Concello de Ordes solicita a cesión dos terreos achegados á Estación da Pontagra adscritos ao Concello para proceder á súa utilización como ben público e histórico da vila. O 18 de decembro se inician conversas co responsable da dirección patrimonial de ADIF, Miguel Ángel Ferrero, para estudar a modificación do convenio inicial e proceder á cesión deste espazo ao Concello de Ordes para usos sociais, culturais e deportivos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario