A delegación de santiago do colexio de arquitectos pide ao concello que a demolición da casa da xuventude se axuste á lexislación do plan especial do casco histórico
Esixe mediante unha carta ao alcalde os proxectos de demolición e básico de nova edificación e a súa presentación simultánea no consistorio e a comprobación do cumprimento das condicións da edificación e de estética urbana
A Xunta Directiva da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia solicita ao Concello de Santiago que a demolición da Casa da Xuventude, situada na praza do Matadoiro, cumpra as esixencias do Plan Especial de Protección e de Rehabilitación da Cidade Histórica (PEPRCH- PE-1) ao ser unha construción situada no Casco Histórico de Compostela. Así o manifestou nunha carta que remitiu ao alcalde de Santiago, Ángel Currás, onde se destaca que xa se iniciaron as actuacións tendentes para a demolición mediante o valado da construción.
Os arquitectos composteláns recordan que esta actuación construtiva de demolición está promovida pola Administración municipal e debe suxeitarse na súa contratación á normativa pública e respectar a conservación do patrimonio histórico e os principios de publicidade e transparencia en materia de contratación pública.
Nesta liña, o colexio recorda que os requisitos que debe cumprir esta demolición son presentar un proxecto de demolición e un proxecto básico de nova edificación. Estes dous proxectos terán que presentarse de forma simultánea no Concello, segundo a Lei de Patrimonio Histórico Español (LPHE). Así, o Concello concederá a licenza de demolición unha vez que comprobe que o proxecto básico de edificación cumpre as condicións da edificación e da estética urbana que presenta o PEPRCH. Ademais, a norma establece un período máximo de tres meses entre a finalización das obras de demolición e o comezo das obras de edificación.
Finalmente, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos explica que o seu obxectivo non é obstaculizar a actuación pública, senón que pretende preservar os bens e valores da estrutura e arquitectura do Casco Histórico de Santiago e impedir actuacións inaxeitadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario