Santiago - Sete propostas musicais para esta semana

Na axenda cultural desta semana temos sete propostas musicais moi variadas que xiran arredor do rock, blues, música clásica, canción de autor e jazz. Os concertos están enmarcados dentro de diversos ciclos, como son o Compostela Rock, Blues Nite e Jazz 1906 ademais de A escola na Cidade, o Programa de Abono do Auditorio de Galicia e o programa da Banda Municipal de Música.
O primeiro dos concertos será o mércores ás 21.00h no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. Alí, poderemos escoitar aos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais que nos ofrecen un concerto de fin de curso dentro do ciclo A Escola na Cidade. Xoves teremos concerto da Real Filharmonía de Galicia dentro do programa de Abono do Auditorio de Galicia. Será ás 21.00h no Auditorio e contará con Thomas Demenga, violoncello, e Mireia Pintó, mezzosoprano, baixo a batuta de Maximino Zumalave.

Tamén o xoves pero na Sala Capitol, teremos aos andaluces Guadalupe Plata dentro do ciclo Blues Nite. A partir das 21.30h no que será o seu concerto fin de xira e no que contarán como acompañante ao cantautor vigués Joao Tomba. Venres e no Compostela Rock, teremos concerto ás 20.30h na Zona C con dúas agrupacións galegas que presentan os seus novos traballos: Guerrera ‘Manu Loa’ e Cró con ‘Pera’. 

Domingo teremos tres propostas musicais. Comezamos coa Banda Municipal de Música que ofrece dous concertos ás 11.00 e ás 12.30h na Sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta), Estarán dirixidos por Juan Miguel Romero Llopis. E despois, ás 20.00h teremos dúas propostas dentro do Compostela Rock e o Jazz 1906. Na Zona C poderemos escoitar aos portugueses Black Bombain dentro do ciclo Compostela Rock e acompañados dos pontevedreses The Grave Dolls. 

E á mesma hora, 20.00h, pero no Teatro Principal, temos unha nova cita, a última desta edición, co VII Ciclo de Jazz 1906. Desde Detroit chega o máis destacado alumno da última época do seu descubridor, Miles Davis, Kenny Garrett Quintet. Citas de Rollins ou de Coltrane saen ao paso con toda naturalidade nun directo que sorprenderá pola súa alegría e espírito de celebración. Estruturas sinxelas e con forte pegada rítmica, tintas caribeñas, xestos a músicos como Corea ou Chucho Valdés e o sopro torrencial dun alto desorbitante...Con eses datos non resultará difícil imaxinar a enerxía que desprega Garrett sobre o escenario.

Ningún comentario: