Os socialistas denuncian que a zona do edificio praza da Horta de arriba leva dous anos sen adecentarse
Miñones di que “o goberno co seu desleixo están a crear en Ames veciños e veciñas de primeira e de segunda”.
A desidia coa que se goberna no Concello de Ames leva a situacións tan incomprensibles como a existencia de dúas zonas diferenciadas na propia capital, Bertamiráns. Por un lado, o Concello por medio da empresa de limpeza e as brigadas de parques e xardíns coidan con esmero as localizacións centrais e máis visibles para a cidadanía e, por outro lado, esquecen que Bertamiráns existe máis aló da súa avenida principal.
Isto é o que denuncian os veciños e veciñas que viven no edificio Praza da Horta de Arriba, en fronte da piscina municipal A Telleira, que dende hai dous anos están a reclamar ao concelleiro delegado na materia que os operarios realicen unha limpeza exhaustiva do lugar e, polo momento, só atoparon a calada por resposta.
Os socialistas de Ames din que esta falta de empatía da corporación do alcalde popular, Santiago Amor, co pobo e a deixadez coa que están a cumprir as súas funcións de servizo público son unha mostra máis da “inoperancia deste goberno amiense que só está a conseguir un declive máis que evidente dun concello que, ata a chegada deste alcalde, estaba a ser un exemplo de crecemento sostido”.
O portavoz socialista, José Miñones, opina que esta situación “é un exemplo máis da descoordinación existente e da falla de interese que amosa o goberno amiense, e que co seu desleixo están a crear en Ames veciños e veciñas de primeira e de segunda”. “É intolerable –recalca Miñones- que no pleno centro de Bertamiráns teñan abandonada a limpeza de zonas durante dous ano”, “se fan esto nos lugares máis habitados e visibles, como estarán de abandonadas as parroquias!!”, conclue o portavoz.


Ningún comentario:
Publicar un comentario