Pacto X Ames - Solucións para o tráfico no Milladoiro

Pacto por Ames presenta unha moción para reactivar a solución ao elevado tráfico que circula a diario polo Milladoiro. A ministra visitou Compostela e o goberno despreocupouse totalmente.
Os concelleiros de PxA formulan dúas alternativas, ou recuperar a posibilidade de facer a variante do Milladoiro, ou estudar a viabilidade de executar un túnel por debaixo da rúa de Rosalía de Castro. 

Esta situación, ademais dos problemas que xera en materia de seguridade, ten consecuencias diarias na socialización entre as persoas residentes, no comercio e na actividade diaria porque a poboación está partida en dúas pola estrada nacional 550.

Neste mes de maio, a ministra Ana Pastor estivo en Galicia e en Santiago de Compostela anunciando diversas inversións como o desdobramento da autopista no tramo de Santiago Norte – Sur e a ponte de Rande así como o túnel de Conxo. De igual xeito, a variante de Padrón está en marcha con unha inversión no entorno dos 19 millóns de euros.

Dende o goberno de Ames non se fixo ningunha interpelación a ministra, nin sequera se aproveitou esta situación para pedir unha reunión co obxecto de falar da solución ao tráfico do Milladoiro, cuestión esta que semella non ter interese para o goberno popular que demostra unha vez máis a súa desidia nun tema transcendente como este.

Os orzamentos xerais do estado non contemplaron ningunha inversión para o concello de Ames e o que é peor, o goberno de Santiago Amor non presentou nin unha soa emenda para, polo menos, intentar mudar esta continxencia. A cuestión é que a solución ao tráfico do Milladoiro, ven sexa mediante unha variante ou por calquera outra iniciativa, debería seguir sendo unha prioridade para o goberno de Ames.

Dende fai case vinte anos lévase falando dos problemas de tráfico que hai no Milladoiro e da irracionalidade de ter partido en dous un núcleo de poboación de 13.000 habitantes que impide o correcto desenvolvemento da vida diaria, a dificultade de socialización entre os residentes, o comercio etc. 

Pacto por Ames acaba de presentar unha moción por rexistro de entrada nº 6474 na que se solicita:

1. Instar ao Goberno do Estado a recuperar o estudio e execución da variante do Milladoiro para liberar de tráfico a rúa Rosalía de Castro.

2. No caso de que o estudo de viabilidade feito pola dirección xeral de estradas no ano 2007 non sexa a solución axeitada, instar ao Ministerio de Fomento para que dea as instrucións necesaria a Dirección General de Carreteras para iniciar un procedemento de estudio sobre a viabilidade de facer un túnel por debaixo da rúa Rosalía de Castro do Milladoiro.

3. Instar á Ministra de Fomento a reunirse co alcalde de Ames para intercambiar todas as propostas sobre este tema que se poidan aportar dende o Concello de Ames.

4. Facultar ao Alcalde de Ames para que realice todas as xestións necesarias co Ministerio de Fomento para estas cuestións.

5. Que nos sucesivos plenos, se dea información sobre as xestións realizadas.

Dende PxA temos a convicción de que a liberalización do tráfico no treito da estrada N 550 que discorre polo Milladoiro, levaría implícita innumerables melloras na seguridade da zona así como melloras socioeconómicas, de socialización, de lecer etc. E suporía un pulo sen precedentes para o desenvolvemento de Ames.

Ningún comentario: