O IES de Cacheiras
vota sobre o papel da materia de
relixión nas aulas
A plataforma Somos
Parte organiza, en colaboración coa ANPA, un referendo
consultivo para coñecer a opinión de estudantes e titores sobre
algúns dos cambios introducidos pola LOMCE
O IES de Cacheiras
(Teo) é o segundo centro educativo galego no que se vota para coñecer se os
pais dos alumnos queren ou non que a relixión comparta horario lectivo
con outras materias e que teña valor académico. As votacións levaranse a cabo ata o martes día 27, en
horario lectivo;
mentres que o reconto terá lugar o vindeiro mércores día 28 de maio. Un referendo
similar, organizado tamén pola asociación Somos Parte no CEIP teense dos
Tilos, mostrou un rexeitamento maioritario ao papel que a LOMCE lle outorga
á relixión nas aulas.
No referendo do
IES de Cacheiras poderán participar pais e nais de 645 alumnos, que xa
recibiron nas súas casas as papeletas para facelo. Nelas, pregúntaselles se
desexan que a relixión comparta horario lectivo co resto de materias de
coñecemento xeral; e se a nota de relixión ten que influír no acceso ao ensino
superior ou ás bolsas de axuda aos estudantes. Estes dous aspectos están
recollidos na Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa
(LOMCE).
O reconto das
votacións de venres, luns e martes realizarase o mércores ás 10:00 horas.
Estarán presentes a xuíza de paz de Teo, Rosa Gómez Limia, como garante da
transparencia do proceso; a presidenta da ANPA do IES de Cacheiras, Rosa
González; así como a voceira de Somos Parte, Conchi García.
O resultado do
referendo consultivo darase a coñecer na web da plataforma
(somosparte.org). A intención de Somos
Parte, convocante destes referendos, é que antes de que remate o curso
escolar se realicen votacións semellantes nos restantes centros educativos
públicos do municipio de Teo (Calo, A Ramallosa e os CRA), para despois seguir cos
do resto de Galicia.
Experiencia piloto
no CEIP Os Tilos
Somos Parte levou
a cabo no mes de abril un referendo no CEIP Os Tilos. Os pais, nais e
titores dos pequenos de Infantil e Primaria do centro teense manifestáronse
claramente en contra de que a relixión comparta horario lectivo con outras
materias de coñecemento xeral e de que teña valor académico. Unha ampla maioría
cuestionou que a relixión deba compartir horario lectivo co resto de materias
(132 votos negativos fronte a 58 a favor), e máis do 90%
rexeitou que a
nota de relixión deba ter valor académico.
Somos Parte
Somos Parte é unha
Plataforma de Pais e Nais por un Ensino Público Democrático que
consideran que as decisións que atinxen á educación dos fillos deben
contar co consenso de toda a comunidade educativa; isto é: estudantes, pais e
nais, e ensinantes. A plataforma pretende dar voz a pais e titores e coñecer,
a través deste tipo de iniciativas consultivas, a súa opinión sobre materias de
grande importancia no ensino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario