Xunta persoal Ames - Devolución da paga extra do 2012

A representación dos traballadores do Concello de Ames instan ao goberno a abonar a parte da paga extra de decembro 2012 suprimida ilegalmente
En resposta á demanda presentada polos sindicatos CIG, CCOO, e UGT-GALICIA o Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela ditou sentenza con data de 30 de xaneiro de
2014 na que se recoñece o dereito do persoal laboral do Concello de Ames a percibir as cantidades correspondentes á paga extraordinaria de decembro de 2012 polos servizos prestados con carácter previo á entrada en vigor do Real decreto lei 20/2012 de 13 de xullo, isto é, a parte proporcional da dita paga extra correspondente ao período comprendido entre o 1 de xuño e o 14 de xullo de 2012 e condena ao Concello de Ames a aboarlle aos traballadores afectados as cantidades correspondentes a este período non aboadas no seu momento.
Sentenzas similares a esta están saíndo en toda a Administración (local, autonómica e estatal) polo que a representación dos traballadores entendemos que é un feito amplamente xulgado e sentenciado.
A representación dos traballadores entendemos que esta sentenza, que ampara ao persoal laboral debe aplicarse tamén ao persoal funcionario, xa que, para efectos retributivos, ambos os dous réximes réxense pola mesma normativa, polo que, o que é válido para un tamén o debe ser para o outro, evitando, desta maneira, discriminacións entre traballadores e litixios innecesarios que suporían un enorme e innecesario gasto para a Administración municipal.
Polos motivos expostos, o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal, así como a Sección Sindical da CIG do Concello de Ames, presentamos cadanseu escrito no rexistro municipal instando ao goberno a acatar inmediatamente a sentenza e a proceder ao pagamento das cantidades devengadas e recoñecidas pola mesma.
Pedimos tamén que a sentenza se estenda ao persoal funcionario e que, polo tanto, se proceda ao pagamento das citadas retribucións a todo o persoal do Concello durante o presente mes de febreiro.
A representación dos traballadores lembramos tamén que se intentou chegar a un acordo co goberno, que evitase recorrer á xustiza e presentar esta demanda por vía xudicial, pero ante a falta de resposta por parte do goberno a parte social tivo que acudir a vía xudicial para defender os dereitos dos traballadores e traballadoras.

Ningún comentario: