Nick Waterhouse, arranque de luxo para unha nova edición do ciclo Galicia Importa!, o primeiro en colaboración co Compostela Rock
Compostela é unha das paradas da xira española de Waterhouse que tamén recalará nas cidades de Madrid, Barcelona e Valencia
· As entradas, a 16€+gastos, están xa á venta en Ticketea, Servinova, A Reixa Tenda e o despacho de billetes do Teatro Principal
Unha das sensacións do actual revival soul, estrearase en Galicia o próximo 27 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Faino dentro do Ciclo Galicia Importa que arrinca con este concerto unha colaboración con Compostela Rock para continuar coa súa programación en Santiago. As entradas xa están á venda a un prezo de 16 € + gastos a través de Ticketea.com, a web de Servinova, o teléfono 902504500, A Reixa Tenda e o despacho de billetes do Teatro Principal.
Trátase da primeira confirmación do ciclo de concertos internacionais que se desenvolve en Galicia desde o ano 2008 e polo que xa pasaron gran cantidade de nomes ilustres como Yo la Tengo, Mark Lanegan, Mavis Staples, Joan Baez, Saint Etienne, Lucinda Williams, Richard Hawley, Interpol, Steve Vai, Bettye LaVette, M.Ward ou Alice Cooper.
NICK WATERHOUSE foi unha das sorpresas da último Primavera Sound en Barcelona. Con só 25 anos e un disco no mercado, o músico e produtor californiano recibiu eloxios de prestixiosos medios como a influente revista inglesa Mojo, que destacou o seu álbum de debut ‘Time’s all Gone’ como o mellor disco de soul de 2012. Este próximo mes de marzo publica o que será o seu flamante 2º disco ‘Holly’ producido en LA polo propio Waterhouse xunto a Kevis Augunas (Cold War Kids, The Black Keys) e no que conta con colaboracións de luxo como a do seu bo amigo Ty Segall.
Un percorrido pola súa traxectoria
Nick Waterhouse (Santa Ana, California-1986) desde moi pequeno mostrouse interesado pola música de raíces americana. Medrou na zona de Huntington Beach escapando do pop e rock comercial que ouvían os seus amigos naquela época e mantendo a súa persoal perspectiva sobre o R&B e rock’n’roll americano. A pesar de considerarse unha persoa tímida, con 12 anos xa tocaba a guitarra e pronto empezou a subirse aos escenarios. Influenciado nun principio por clásicos como John Le Hooker ou Van Morrison, en 2002 empeza a tocar na banda Intelligista, formando parte da escena underground de Orange County. En canto abandona o instituto, a banda sepárase e Waterhouse inicia os seus estudos na universidade de San Francisco.
Alí comeza unha etapa na que tenta seguir tocando pero non é nada fácil. Para buscarse a vida compaxina os seus bolos con sesións de dj e o seu traballo en Rooky Ricardo's Records, unha incrible tenda só de vinilos que lle permite contactar coa escena soul da cidade. Xa en 2010 por fin publica o seu primeiro single ‘Some place’, gravado e mesturado en analóxico e do que el mesmo se encarga da distribución, prensa, etc. A partir de aí, monta unha banda de apoio (The Tarots) e busca un trío de coristas (The Naturelles) para acompañalo nos seus directos. En 2012 trasládase de San Francisco a Los Angeles e en maio dese mesmo ano por fin publica o seu exitoso álbum de debut ‘Time’s all gone’ (Innovative Leisure records).
En canto pos o disco, escóitalo do tirón... Non hai baixóns mantén o pulso ao longo dos seus 11 temas. Un disco que te transporta a outra época, que te deixa un regusto cálido e con ganas de máis. Aínda que moitos medios americanos xa se fixeron eco do “fenómeno Waterhouse”, coa publicación do seu debut multiplícase a súa popularidade. Tras patear clubs de media América, o boca a boca e as boas críticas dos seus shows empezaron a darlle un nome que foi medrando en canto empezou a participar en grandes festivais que lle abriron a porta a un público moito máis amplo.
Mentres xira por Europa e USA para presentalo, Nick vai compoñendo novas cancións e en 2013 por fin entra no estudo para gravar o seu 2º disco. En marzo do 2014 por fin veremos á luz as súas novas cancións nun disco que se chama ‘Holly’ e que o traerá a España nunha xira que só pasará por 4 cidades: Madrid, Barcelona, Valencia e Santiago de Compostela.

Ningún comentario:
Publicar un comentario