BNG Compostela - Sobre a relación de Socorro García con Vendex e carta aberta da ex concelleira

A ex-tenente de alcalde non tivo ningunha relación, ningún contrato e ningún contacto coa empresa Vendex nin cos seus representantes
“No BNG estamos absolutamente convencidos de que fixo un traballo impecábel e que nunca participou nin participaría en ningún trato de favor a empresas nin a persoas como demostrou durante o exercicio do seu cargo”

O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, asegurou que durante todo o período en que Socorro García exerceu responsabilidades como concelleira en Santiago “non tivo ningunha relación, ningún contrato e ningún contacto coa empresa Vendex nin cos seus representantes”.

Sobre unha información do sumario da Pokemon, Rubén Cela explicou que “ademais dunha confusión na recepción dun agasallo nas datas do nacemento do seu segundo fillo, é certo que o correcto tería sido devolvelo como ela mesma recoñece”. Porén, non é “xusto nin correcto comparar isto con toda a cloaca na que o PP converteu este Concello de Santiago”, engadiu.

“Poño a man no lume por Socorro García Conde”, afirmou, “porque no BNG estamos absolutamente convencidos de que fixo un traballo impecábel e que nunca participou nin participaría en ningún trato de favor a empresas nin a persoas como demostrou durante o exercicio do seu cargo”.

Quen a coñece, dixo, sabe que é unha persoa “honesta, honrada e especialmente rigorosa que non se limita a cumprir escrupulosamente a lei senón que o fai cunha ética política incuestionábel”.

Carta aberta de Socorro García

Ante a información publicada nos medios de comunicación relativa ao sumario do chamado caso Pokemon na que se inclúe o meu nome como receptora de agasallos procedentes da empresa Vendex, así como dos comentarios posteriores que se están xerando, véxome na obriga de achegar algunhas aclaracións e reflexións persoais.

Durante todo o período en que exercín o cargo de concelleira en Santiago de Compostela non tiven ningunha relación, nin contrato, nin contacto coa empresa Vendex nin cos seus representantes. É máis, nin sequera os coñecía de absolutamente nada, nin a esas persoas nin á empresa.

É certo que no contexto do nacemento do meu segundo fillo recibín na miña casa algún agasallo cuxa orixe non identifiquei e que, coa información actual, agora podo deducir a súa procedencia. Sei que para moita xente a explicación pode resultar incrible, pero nese momento a marca Vendex non me di absolutamente nada e non é ata os primeiros días do caso Pokemon que coñezo este nome comercial. De calquera xeito, e isto debe ficar moi claro, non tiña o máis mínimo contacto nin trato con esa empresa e a primeira vez que coñezo a un dos seus representantes é na primavera de 2013, xa moi lonxe de calquera vinculación que se lle poida buscar con este caso.

Nesta altura é evidente que o correcto tería sido investigar quen era o emisor e ver o xeito de devolvelos. Confeso que non o fixen no seu día e que, á vista das interpretacións que pode dárselle, foi un erro polo que pido desculpas, mais que entendo que cómpre tamén situalo no seu lugar.

Ata hai ben pouco, froito de prácticas sociais habituais, amplamente asumidas e en absoluto cuestionadas, os cargos públicos recibían atencións de moitos tipos –entradas para espectáculos, abonos para competicións deportivas, chocolates, plantas, botellas de viño, libros, discos, axendas... Nin eu, nin o grupo ao que pertencín fomos nunca partidarios deste tipo de agasallos, que nunca pareceron dunha contía que puidera dar lugar a interpretacións de tratos de favor polos que se esperaba algo a cambio.

Sen analizalo, non rexeitei algo corrente para parecerme á muller do César. O que si quero deixar ben claro é que nin pola cabeza se me pasou entender nada disto en clave de intercambio de favores, tratos preferentes ou calquera outra prebenda.

Sei que estas prácticas se analizan e avalían hoxe con ollos ben diferentes e que a situación nos fai ser moito máis esixentes pero, igual que se esixe –con toda razón- un comportamento escrupuloso e exquisito e unha alerta máxima e permanente ante a posibilidade de que alguén poida estar intentando influír dalgún xeito na mente dun cargo político e nas súas actuacións, tamén debe ser un pouco máis coidadosa e rigorosa a análise e as palabras que se empregan para avalialo.

Creo sinceramente que o erro de non lle dar importancia ou relevancia ningunha a un agasallo non me debe converter en sospeitosa de ningún tipo de delito ou actuación eticamente reprobable porque nin con esta, da que agora tanto se fala, nin con ningunha empresa se deu nunca ningunha situación de intercambio de favores ou outro tipo de acordo fraudulento, explícito ou implícito.  

Cadaquén crerá o que considere pero, como ben seguro o goberno actual, a xuíza e os medios de comunicación se encargaron de investigar, non participei en ningún trato de favor nin a empresas nin a persoas durante o exercicio do meu cargo. Entendo, por outra parte, o interese de procurar a implicación de cargos nacionalistas na elaboración dun discurso, que me parece lamentable, en contra da actividade política. En calquera caso, eu xa non participo na política activa e gustaríame que calquera cuestión ao respecto deste asunto deixe libre de sospeitas a organización que representaba.

Ningún comentario: