Ames Novo Ames - A comisión desvela que as escolas deportivas funcionan sen seguro de accidentes

Eulen e o goberno do PP no mesmo equipo
Na comparecencia hoxe do representante de Eulen na comisión municipal sobre as Escolas deportivas certificamos os múltiples problemas xa denunciados con anterioridade, unha parte atribuíbles á incapacidade e desidia do goberno, e outra boa parte a empresa que as xestiona, Eulen, quen recoñeceu moitas irregularidades, e mesmo que son as únicas escolas deportivas que xestionan en Galicia. Diante desta situación o goberno do PP intenta salvagardar a empresa, escusala porque están comezando (4 meses despois), minimizando e desprezando as múltiples queixas dos usuarios. 

Degradación das Escolas deportivas
No día de hoxe realizouse unha reunión da comisión informativa sobre as Escolas Deportivas do Concello de Ames, coa presenza dun responsable da empresa Eulen e traballador do concello nomeado como coordinador coa empresa. Na comparecencia puido determinarse que, ata o momento, están moi lonxe de funcionar con normalidade en moitas das súas disciplinas: inicio con exceso de alumnado por monitor nalgúns casos, numerosos cambios de monitores, baixas de alumnado, clases que teñen que recuperarse (algunhas delas aínda non o fixeron), ausencia de participación en competicións, agás no caso do baloncesto, etc. Mesmo nalgún caso os incumprimentos do contrato, dado que EULEN se comprometeu na súa proposta -legalmente vinculante- a dispoñer de monitores con titulación adecuada en todas as disciplinas, así como a titulación do coordinador das Escolas; en varios casos o incumprimento é claro, por exemplo o coordinador carecía da titulación esixible ata que mudou en decembro. Por parte da empresa e da concelleira responsable xustificáronse todas estas anomalías ou incumprimentos na implantación da empresa no servizo, xa “que arrancan de cero” en actividades que levan moitos anos, e nas especificidades de Ames pola dispersión.

O concelleiro de Ames Novo, Anxo Doval denunciou "que se xustificaba o inxustificable. Se algunha razón deu o goberno do PP en sacar a licitación a xestión dun servizo, que podía ampliar á empresa anterior, era aumentar a súa calidade. Como se pode xustificar está degradación xeneralizada das Escolas?. Como se pode xustificar a concesión a unha empresa que non ten en Galicia nin unha soa concesión deste tipo?", tal e como recoñeceu o representante da empresa, e continuou Doval "non era previsible que se deran todas estes problemas? Que razón pode haber para que os nosos nenos e nenas se convertan en coellos de indias?"

Ademais agora sabemos que o suposto aforro é irreal dado que o Concello agora estase facendo cargo de gastos dos que antes se responsabilizaba a empresa -como as bicicletas de spinning mercadas polo concello-. Apenas hai aforro, pérdense usuarios, os monitores dánse de baixa continuamente polo mal pagados que están, non hai competicións como na etapa anterior, queixas continuas... é unha evidencia a degradación das Escolas, pero agora tamén sabemos que moitas das denuncias concretas -como as titulacións e adecuación de algúns monitores- poden ser motivo de rescisión do contrato

Escolas deportivas sen seguro
Nestes días, á marxe da comisión, tamén descubrimos que as Escolas deportivas están sen seguro. Un neno tivo unha lesión -rotura dun pé- nunha Escola e resulta que nin chamaron aos pais -tivo que agardar 30 minutos-, nin lle procuraron solución, nin lle dixeron como debía facer unha vez que chegou o pai e preguntou cal sería o procedemento neste caso. Agora sabemos que nin o Concello nin a empresa dispoñen de protocolo para actuar nestes casos, como se fose tan estraña unha lesión nunha actividade! E sabemos tamén que non ten seguro que cubra estes accidentes, certo é que tampouco o había con anterioridade, a diferencia e que antes era habitual que a seguridade social se fixese cargo de forma xeral e agora iso xa non sucede, de maneira que o Concello se fai cargo dos gastos cando hai denuncias específicas. De novo Anxo Doval denunciou isto na comisión, "como se pode permitir desenvolver unha actividade sen seguro que cubra calquera accidente en actividades deste tipo?", pois é así, como corroborou a propia concelleira. Antes paliábase parcialmente coa participación en competicións federadas como Escolas Deportivas Municipais, que estaban amparados polo Plan Xogade da Xunta de Galicia, pero como esta empresa non contempla esa posibilidade, os usuarios da Escola están sen seguro. 

Mesmo nos chegou outra denuncia dunha disciplina na que se obrigaba ao alumnado a federarse nun club de Santiago, coa escusa de que así tiñan seguro. Unha usuaria comunicouno ao Concello, do que teñen constancia no servizo de deportes e que puxo en coñecemento de EULEN, pois ben, o responsable da empresa di non saber nada. Por suposto estar federado nese club supón un custo económico importante a maiores do custe da Escola. A concelleira manifestou que “a partir de febreiro” o concello subscribiría un seguro de accidentes, e nós preguntámonos: agora?, devolveranlle os cartos de afiliación a este club aos usuarios que o fixeron para ter seguro?. 

Se sumamos o custo dese seguro, e aos máis de 20.000 euros que tivo que abonar o Concello en material que a anterior empresa aportaba, non superará xa a oferta de outras empresas? O criterio determinante na concesión a esta empresa foi o económico, xa que nas cuestións técnicas quedou en 7º lugar, estas son as que realmente importan na calidade do servizo. Agora perdemos a calidade, non aforramos nada, temos moitos máis problemas e o goberno do PP ponse do lado da empresa e non da cidadanía de Ames. Cales son as razóns?

Ningún comentario: