Santiago - Xacarandaina este domingo no ciclo Teatro&danza

Xacarandaina presenta ‘Galizien Amerika Linie’, danza tradicional galega e emigración
 Será este domingo, 6 de febreiro, ás 20.00h no Auditorio de Galicia dentro do ciclo Teatro&Danza

As entradas, a 10 euros, poden mercarse na billeteira do Principal (aberta de 18.00 a 21.00h), en Novagalicia banco, e no propio Auditorio o día do evento a partir das 18.00h

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá en rolda de prensa o espectáculo ‘Galizien Amerika Linie’ de Xacarandaina que poderemos ver no Auditorio de Galicia este domingo, 16 de febreiro, ás 20.00h. Fíxoo acompañado de Henrique Peón, director e coreógrafo do espectáculo. As entradas para este evento, enmarcado no ciclo Teatro&Danza, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18.00 a 21.00h); en entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443; así como no propio Auditorio de Galicia o mesmo domingo desde as 18.00h.

‘Galizien Amerika Linie’ pretende achegar ao público ese fenómeno importantísimo da nosa historia contemporánea máis recente: a emigración. De todos é sabido que os galegos fomos un pobo emigrante, pero aínda que nos toca a todos de preto, non somos o suficientemente conscientes do drama que supuxo aquel éxodo, e menos conscientes somos aínda da importancia económica e cultural que eses emigrantes tiveron para coas súa terra e o amor que lle dispensan, a cambio de nada, desde a distancia.

Con tal propósito, Xacarandaina montou un espectáculo no que se mestura a propia actuación do grupo cos seus bailes, danzas, músicas, vestiarios e posta en escena con deseño de luz, deseño espazo sonoro e audiovisual, mesturando así o arte tradicional cas novas tecnoloxías, facendo de Galizien Amerika Linie algo novidoso e único dentro do abano dos espectáculos feitos en Galicia.


 Bono de Teatro&Danza Galego

Este espectáculo está enmarcado no Bono de Teatro Galego mediante o cal se poden adquirir 5 entradas a 35 euros, o que supón un aforro do 30% sobre o prezo xeral. Desde o departamento de Cultura do Concello de Santiago aseguran estar moi satisfeitos coa acollida que está a ter esta iniciativa xa que se venderon xa máis de 150 bonos. Poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal, que abre de martes a sábado (e días de evento) de 18.00 a 21.00h

Ficha técnica
Iluminación: Santiago Mañasco
Textos: Fátima Frieiro
Audiovisuais: Imaxes.com
Produción: Xacarandaina
Dirección e coreografía: Henrique Peón


Ningún comentario: