O Concello de Silleda solicita un obradoiro de emprego para a recuperación de fontes e lavadoiros no rural
-Tería unha duración de 6 meses e a proposta contempla a formación de 20 alumnos/as, ademais doutro módulo de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, con outros 10 alumnos/as
O Concello de Silleda acaba de solicitar á Consellería de Traballo e Benestar un obradoiro de emprego que ten como principal liña de actuación a recuperación de varias fontes e lavadoiros públicos de distintos puntos do rural silledense. En concreto propóñense dous módulos para levar a cabo esta actuación, con 10 alumnos cada un. Serían o de traballos de carpintería e moble e o de colocación de pedra natural.
Na solicitude do Concello figura tamén outro módulo de atención sociosanitaria, no que se formaría a outras 10 persoas. Deste xeito, de aprobarse o proxecto silledense daríase formación e emprego a un total de 30 persoas. A data prevista de inicio, no caso de aprobarse a subvención para a relación deste obradoiro de emprego, sería o 30 de setembro deste ano, prolongándose durante seis meses.
O proxecto presentado dende o Concello de Silleda, onde non se celebra unha iniciativa deste tipo dende o ano 2008, contempla un nivel de inserción laboral do 76%, coa posible colocación de 8 traballadores/as.
No tocante á reparación de fontes e lavadoiros inclúense a recuperación dun total de oito construcción deste tipo, de uso público, situadas en distintos puntos do rural. No listado figuran a fonte-lavadoiro da parroquia de Saídres; outra en Carboeiro; o situado no lugar de Reboredo, en Taboada; outro en Costoia, na parroquia de Fiestras; un en Graba; en Martixe; en Xestoso; e outro situado na parroquia de Manduas. Trátase de construccións que forman parte do patrimonio etnográfico no rural e que precisan de actuacións diversas para levar a cabo a súa conservación.
No caso do módulo de atención sociosanitaria búscase formar e empregar ao alumnado nun conxunto de atención a persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar das persoas residentes no Concello de Silleda.
O orzamento total da proposta, incluíndo os salarios de dirección, docentes, cuotas da seguridade social, sarios dos alumnos/as-traballadores/as, material didáctico, de formación, oficina… ascende a 265.357 euros.
Dende o goberno municipal Manuel Cuíña agarda que, logo de varios proxectos fallidos “Silleda poida contar con un obradoiro de emprego, iniciativa que non se realiza neste municipio dende o ano 2008”. Lembra ademais que o obxectivo dos obradoiros, con 6 meses de duración, pasa por procurar a inserción laboral dos participantes, e que “ante a actual situación socioeconómica que estamos a vivir, iniciativas coma esta son moi necesarias e beneficiosas para municipios coma o noso”, engade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario