Os talleres para nenos/as que se farán no CSC da Ramallosa dende as 18:00 horas na tarde do 5 de xaneiro xirarán en torno ó uso de material de refugallo
Aínda que pareza que o Nadal e o material de refugallo non son elementos que vaian da man en época de crise quizais se deban comezar a levar ben. E eso é o que debeu pensar a concelleira de Cultura, Carme Hermida, cando planificou a cabalgata de reis do Concello de Teo para este 2013.
Así, en torno á cabalgata poderemos atopar este ano en Teo caixas de tóner de impresora, tubos de papel hixiénico, papel reciclado para facer caixiñas e folletos de ofertas de grandes superficies. Pero todas estas cousas tiveron o seu traballo de transformación e servirán por exemplo as caixas dos tóners para engalanar cada un dos coches nos que viaxarán os Reis Magos polo Concello, os tubos de papel hixiénico para empaquetar os caramelos que lle entregarán ós nenos e nenas e os folletos e revistas vellas para facer árbores de nadal recicladas.
Dende o Departamento de Cultura tamén se organizaron talleres para os máis pequenos que se van desenvolver hoxe dende as 18:00 horas no CSC da Ramallosa e o elemento sobre o que se traballará será a reutilización e a reciclaxe. Trátase de facer actividades cos máis pequenos que potencien un mundo e unha cultura máis sostible. Trátase de buscar outras vidas para cousas do noso entorno que xa estaban para tirar ó lixo. E dese xeito potenciar nos máis pequenos/as valores positivos alonxados do consumismo propio destas datas.
O traballo que fagan nos talleres tamén lles permitirá levar algo feito coas súas mans para a casa. E para traballar sobre a reciclaxe entregaráselles un imán onde se lembra como se debe reciclar na casa e que se pode tirar a cada colector segundo a súa cor.

Ningún comentario:
Publicar un comentario