Teo - Cabalgata de Reis

A CABALGATA DE REIS DO CONCELLO DE TEO REMATARÁ ESTE ANO NO CSC DA RAMALLOSA
Os Reis Magos chegarán en torno ás 16:38 horas en tren á estación de Osebe 
A comitiva real percorrerá diferentes puntos do municipio 

O Departamento de Cultura do Concello de Teo, dirixido por Carme Hermida, traballa intensamente para ter todo listo para a tarde do 5 de xaneiro, para a chegada dos Reis Magos de Oriente. Nesa xornada as súas maxestades serán recibidos por numerosos rapaces e rapazas como xa é tradición na estación de tren de Osebe en torno ás 16:38 horas. Tamén se agarda que o alcalde de Teo, Martiño Noriega, se achegue á estación para darlles a benvida.

Mais este ano a comitiva real terá un punto de destino ó final da tarde diferente ó de anos anteriores. Se noutras tardes de reis a gran festa final se realizaba no pavillón Ezequiel Mosquera (A Ramallosa), este ano rematarase no CSC da Ramallosa. Alí Melchor, Gaspar e Baltasar, rematando a tarde entregarán un pequeno agasallo a todos os nenos e nenas que asistan á recepción real. O presente será un dvd editado polo Concello no que se recolle unha parte da velada literaria e musical organizada polas Letras Galegas. Así no disco aparecen interpretacións de Xoán Curiel, o grupo de canto Aleceia dos Tilos, as asociacións culturais A Mámoa de Luou, Rosalía de Castro de Cacheiras, a Pontevella de Reis, a banda de gaitas da SR de Calo ou varios textos dramatizados por varios concelleiros da corporación teense. No local sociocultural da Ramallosa haberá diferentes actividades lúdicas dende ás 18:00 horas para facer máis levadeira a espera.

Pero antes de chegar ó CSC da Ramallosa a comitiva real realizará diferentes paradas polo municipio. Dende a estación de Osebe sairán cara o local da SR de Calo onde está previsto que cheguen ás 17:10 horas. A seguinte parada será no local da Pontevella en Reis, onde pararán sobre as 17:40 horas. Dende alí subirán cara os Tilos onde está previsto que cheguen ó Centro Comercial da urbanización ás 18:20 horas. A penúltima parada será no local da A. Rosalía de Castro de Cacheiras ás 18:50 horas. E a última parada será na Ramallosa e calcúlase que poderán estar alí en torno ás 19:30 horas. 

Maxia familiar
Pero antes da máxica noite do 5 de xaneiro en Teo haberá unha xornada de maxia da boa mañá venres no CSC da Ramallosa. Trátase dunha actuación dentro do VII Circuíto Galego de Maxia dirixida a un público familiar. O espectáculo comezará ás 18:00 horas e está organizado e producido por Magos Profesionais de Galicia. 

Carteiro real e festa de fin de ano no Diverteo Nadal
E os nenos e nenas que xa foron quecendo motores para a Cabalgata de Reis foron os asistentes ó Diverteo Nadal xa que o 31 de decembro recibiro ó carteiro real a quen lle entregaron as súas cartas coas súas peticións e desexos. E dentro das actividades organizadas nesa xornada tan especial os nenos e nenas dos tres colexios que asisten ós talleres de conciliación realizaron a súa particular despedida de ano. Ás doce do mediodía tomaron doce gusanitas e fixeron a súa festa de fin de ano e benvida ó 2013. A concelleira de Educación do Concello de Teo, María Álvarez Garea, acompañou ós pequenos/as nesta actividade. O programa Diverteo realízase cunha ampla aceptación e demanda de xeito estable nos períodos de vacacións escolares. Nesta edición de Nadal participan entre as tres sedes, os colexios de Calo, Os Tilos e A Ramallosa, un total de 84 nenos/as de entre 3 e 12 anos.

Ningún comentario: