As Maxestades de Oriente chegan mañá pola tarde a terras de Trasdeza
-Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos na Casa da Cultura para iniciar despois o percorrido polas rúas de Silleda. A cabalgata rematará, como novidade, na praza da Feira Vella, onde ademais da recepción haberá chocolate con churros para todos e todas os asistentes
Os Reis Magos chegan mañá ao municipio de Silleda para vivir cos nenos e nenas outra xornada de ilusión. Melchor, Gaspar e Baltasar arribarán á Casa da Cultura ás 17.30, onde serán recibidos pola alcaldesa, Paula Fernández, e demais autoridades, ao son da Banda Municipal de Silleda. Despois comezará o tradicional percorrido da Cabalgata, integrada por 4 carrozas. Ademais da comitiva real, onde irán as estrelas anunciadoras e outros elementos que abrirán paso aos Magos de Oriente, cada un dos protagonistas irá acompañado por séquitos de paxes polas rúas de Silleda, onde non faltará a tradicional choiva de caramelos sen gluten.
A temática da Cabalgata silledense organizada dende a Concellaría de Cultura, que dirixe Matías R. Da Torre, será variada, con componentes universais e tamén referencias locais. Así, Melchor, chega dende o Mar Roxo, nunha carroza co Océano como lema, Baltasar chegará dende Exipto e o Rei Gaspar fará unha homenaxe a Trasdeza e a un dos seus emblemas: o mosteiro de Carboeiro.
A Cabalgata discorrerá polas rúas Progreso, Avenida do Parque, María Colmeiro, Venezuela e rematará, como novidade, na Praza da Feira Vella, onde haberá a habitual recepción aos nenos e nenas. A cita rematará con chocolate con churros para todos/as as asistentes
O domingo, en Manduas
Logo do reparto nocturno de agasallos, os Reis Magos tamén farán outra parada no municipio. Será o domingo na Bandeira, onde a comitiva real partirá dende o Salón Parroquial, ás 11.30 horas. Nesta localidade as súas Maxestades de Oriente farán un percorrido a cabalo, acompañados por paxes nun carro ata a igrexa de Manduas, onde logo da misa (ás 12.00 horas) haberá Adoración dos Reis e exposición do Nacemento de Belén. Ao remate os asistentes tamén poderán degustar caramelos e Roscón de Reis no Centro Social de Manduas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario