Frades - medio centenar de veciños participaron na festa de nadal

MEDIO CENTO DE NENOS E NENAS DE FRADES PARTICIPAN NUNHA ANIMADA FESTA DE NADAL 
Organizada polo Concello de Frades e a ANPA do CPI Pontecarreira, disfrutaron de 3 horas de obradoiros, títeres e xogos, ademais de entregarlle as súas cartas ao Carteiro Real

Preto de medio cento de nenos e nenas de Frades participaron esta mañá na gran Festa de Nadal organizada polo Concello de Frades en colaboración coa ANP do CPI Pontecarreira. O multiusos de Frades quedou pequeno para albergar a tal cantidade de nenos e nenas, acompañados moitos deles dos seus pais e nais.

A festa comezou ás 11:00 horas cunha sesión de títeres titulada “Tolo conto de Nadal”, para continuar con música e distintos obradoiros plásticos nos que os pequenos aprenderon a facer todo tipo de adornos. Especialmente novidoso foi o de creación de chapas personalizadas que os rapaces e rapazas fixeron coa axuda dos seus pais e nais.
O momento máis emocionante para os cativos foi a aparición do Carteiro Real, quen recolleu as cartas e as peticións de xogos dos pequenos e os agasallou con varias lambonadas cortesía do Concello de Frades cuxo alcalde, Roberto Rey, asistiu á festa e agradeceu a colaboración ofrecida pola ANPA do CPI Pontecarreira. A festa pechouse cun pequeno almorzo, composto por chocolate e rosca de reis, cortesía da asociación de nais e pais do colexio de Pontecarreira.

Ningún comentario: