Participaron seis asociacións culturais e musicais do municipio
O auditorio do centro cultural Fernando Casas e Novoa (Sigüeiro) quedou pequeno para albergar aos máis de trescentos veciños e veciñas de Oroso que asistiron á terceira edición do Concerto de Panxoliñas, organizado polo Concello de Oroso e no que tomaron parte seis asociacións culturais e musicais do municipio. As 155 butacas dispoñibles foron ocupadas case que de inmediato, mentres outro cento de veciños quedaron de pe e os máis pequenos sentaban no pasillo en fronte ao escenario. De feito, a asistencia foi tan elevada que moitos dos participantes no Concerto de Panxoliñas tiveron que seguir as actuacións dende a entrada do centro cultural de Sigüeiro.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, agradeceu especialmente a colaboración de todas as asociacións que participaron neste concerto xa que “é para sentirse orgullosos de todos vós e vos animo a que sigades traballando”. Ademais de destacar a importante aposta do Concello de Oroso polo eido cultural, Mirás Franqueira aproveitou para felicitar as festas a todos os presentes.
Preto de cen cantantes
O III Concerto de Panxoliñas de Oroso, celebrado na noite do venres 28 de decembro, reuniu a seis agrupacións do municipio: a asociación cultural Santa Catalina (infantil e adultos), a agrupación folclórica Buxos Verdes, o grupo “As beiras do Tambre”, a asociación cultural Amigos do Acordeón e a asociación cultural Néboas no cumio. En total case cen veciños e veciñas de Oroso, de todas as idades, que ofreceron un espectáculo que foi moi aplaudido polo público asistente.
Os encargados de abrir o concerto foron os rapaces e rapazas da asociación cultural Santa Catalina de Oroso, un grupo que comezou sendo o coro parroquial pero que leva xa tres anos constituído como asociación cultural. Os pequenos, dirixidos por Rosana García, interpretaron “A Belén vinde pastores”, “Campanitas navideñas” e “Rodolfo el reno”. O concerto continuou cos integrantes da agrupación folclórica Buxos Verdes (parroquia de Senra) e que neste 2013 celebran o seu 25 aniversario. Dirixidos por Alejandro Sangiao, e co acompañamento de instrumentos como gaita, bombo, pandeireta e tambor, interpretaron dúas pezas: “A campá que resoa” e “Unha pouca roupiña”.
O terceiro grupo da noite foi de novo a asociación cultural Santa Catalina, que desta vez actuou cos seus 25 membros, entre nenos e adultos. Ademais, tamén estiveron acompañados instrumentalmente por guitarras, bandurras e laúdes. Nesta quenda, interpretaron “Alá pola noite” e “Nace el niño en un portal”. Tomou o relevo o grupo de pandereteiras As Beiras do Tambre, da parroquia de Cardama. Trátase dunha agrupación xurdida a partir dun curso de pandeireta organizado pola asociación de mulleres labregas As Medorras de Oroso que, dirixidas por Paula Cordero, interpretaron “A noitiña” e “Un canto de Reis”. Unha interpretación realizada “a capella” e na que non fixeron uso das súas pandeiretas.
A quinta actuación da noite puxo a nota diferente da velada, xa que foi o único grupo que non cantou. Trátase da asociación cultural Amigos do Acordeón de Oroso, que comezou sendo un grupo de alumnos que decidiron xuntarse para asistir a clases de acordeón en Sigüeiro e que foi medrando tanto en número como en inquietudes ata conformar unha asociación en 2008. Os seus integrantes interpretaron “Hacia Belén va una burra”, “Los peces en el río”, “El vino que tiene Asunción” e “Foliada de Santiago”.
Os encargados de pechar o III Concerto de Panxoliñas de Oroso foron os integrantes da asociación cultural Néboas no Cumio, grupo de amigos amantes da música tradicional galega que comezou a súa andaina aló polo 2007. Unha agrupación que, a diferenza das demais, non interpretou panxoliñas, senón outras pezas rescatadas do folclore galego como “O pendello”, “Este vaise”, “Ancares” e “As pachocas”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario