O centro social polivalente acollerá o XVII Festival de Títeres de Brión, con actuacións os días 2, 3 e 4 de xaneiro ás 17:30 horas
O centro social polivalente de Pedrouzos acollerá un ano máis o Festival de Títeres de Brión, que este ano chega á súa decimosétima edición. Un festival que inclúe tres actuacións de importantes compañías galegas os días 2, 3 e 4 de xaneiro e que teñen en común dous aspectos: celebraranse ás 17:30 horas e a asistencia é totalmente de balde.
O mércores 2 de xaneiro comeza o espectáculo co grupo aragonés Títeres sin cabeza, que representarán “No sin mi unicornio”, unha obra na que se combinan o traballo de actor cos monicreques feitos con obxectos cotiáns. A obra xoga coa creatividade e coa imaxinación dos máis pequenos e transporta os máis maiores ao momento no que calquera xoguete podía converterse nun fiel amigo co que compartir aventuras.
O xoves 3 de xaneiro os galegos de A xanela do maxín presentan “Títeresmusicontos”, un espectáculo no que os contos tradicionais galegos cobran vida a través dos monicreques e son cantados e contados para que os máis cativos pasen un bo momento aprendendo, escoitando e cantando. Contos de raposos, galos, burros, pais e fillos... combinados cunha boa dose de ilusión e creatividade.
O venres 4 de xaneiro pechará o festival os tamén galegos Teatro Babaluva coa obra “Lume”, adaptación dun texto de Alberto Varela Ferreiro de temática medioambiental, onde os animais en equipo preparan un plan para apagar as lapas que ameazan o bosque.
O XVII Festival de Títeres está organizado polo Concello de Brión. Todas as actuacións son de acceso libre e gratuíto, comezarán ás 17:30 horas e teñen unha duración de aproximadamente unha hora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario