O GRUMIR DE BRIÓN SEGUIRÁ PRESTANDO SERVIZO EN XANEIRO A AMES, MENTRES SE CONCRETA O ACORDO DE COLABORACIÓN ENTRE AMBOS MUNICIPIOS
O alcalde de Brión explica que “se non hai servizo de grumir á comarca é porque a Xunta deixou de colaborar na súa financiación” e confirma que “só sairán en urxencias nas que estean en risco vidas humanas”
Os veciños e veciñas de Brión seguirán dispoñendo de grumir as 24 horas do día
O servizo municipal de Protección Civil do Concello de Brión só prestará os seus servizos dentro dos límites do termo municipal brionés, tal e como vén anunciando o alcalde de Brión, Xosé Luís García, desde que se coñeceu a decisión unilateral da Xunta de Galicia de non prorrogar en 2013 as axudas ao financiamento deste servizo esencial para a seguridade da veciñanza. A pesar disto, o alcalde brionés decidiu que o grumir siga prestando os seus servizos durante o mes de xaneiro ao veciño municipio de Ames, mentres se asina un convenio de colaboración en materia de emerxencias e protección civil entre ambos municipios.
Así llo ten comunicado o alcalde brionés ao seu homólogo amiense xa que “o grumir de Brión seguirá actuando en Ames mentres non se asine o convenio de colaboración en materia de emerxencias e protección civil entre ambos concellos, que espero que se materialice en breve”. Un acordo ao que tamén se podería sumar o Concello de Teo e mesmo abarcar outros servizos.
Saídas de emerxencias
Xosé Luís García tamén confirma que “o grumir de Brión tamén actuará en aquelas urxencias nas que estean en risco vidas humanas, como o accidente da semana pasada en Negreira, pero non en outras emerxencias ás que estaba acudindo”. O alcalde brionés lamenta ter que tomar esta decisión pero reitera que “se non hai servizo de grumir fóra de Brión é porque a Xunta decidiu unilateralmente deixar de cofinanciar este importante servizo para os concellos da comarca”.
De feito, o DOG de hoxe mércores 2 de xaneiro recolle o resumo das subvencións outorgadas pola Consellería de Traballo e Benestar nos plans de cooperación coas entidades locais, no que se recollen os 186.107 euros recibidos por Brión e que permitiron o mantemento do seu servizo de emerxencias durante o segundo semestre de 2012. Unha relación de axudas que deixa tamén ás claras que “o trato non é igualitario para todos e por iso levamos tempo queixándonos”, denuncia Xosé Luís García. De feito, a Brión denegáronselle axudas neste programa coa xustificación de que toda a achega ía cara o grumir e agora se comproba que outros municipios na mesma situación, e de menor poboación, si recibiron axudas complementarias na mesma provincia da Coruña. Xosé Luís García asegura que “sei que hai quen di que isto é criticar á Xunta ou mesmo andar a chorar, pero considero que só é esixir para Brión o mesmo trato que reciben outros concellos”.
Servizo 24 horas en Brión
Salvo as mencionadas excepcións de Ames e dos sucesos nos que estean en risco vidas humanas, o grumir de Brión só prestará os seus servizos no termo municipal brionés, xa que estará financiado integramente polo Concello de Brión, cunha axuda de 25.000 euros da Deputación da Coruña para materiais. Un servizo que poderá prestarse de xeito ininterrompido as 24 horas do día.
O grumir estará composto por catro profesionais: un xefe de Protección Civil e os tres membros do persoal estable. Ademais, contarase coa inestimable colaboración dos membros da Agrupación de Protección Civil, a quen o alcalde brionés agradece a súa axuda. O grumir brionés seguirá empregando as súas instalacións no paseo de Pedrouzos e o seu parque móbil estará composto por catro vehículos: 1 camión forestal, 1 coche de mando, 1 vehículo de intervención con bomba e 1 camión urbano (que dispón dun equipamento tan completo que o fan o vehículo ideal para todo tipo de intervencións).

Ningún comentario:
Publicar un comentario