Frades - entregados os premios do concurso de fotos antigas

ROBERTO REY ENTREGA OS PREMIOS DO CONCURSO DE FOTOS ANTIGAS DE FRADES E PRESENTA O ALMANAQUE CONFECCIONADO COAS IMAXES GAÑADORAS
O calendario será entregado durante os próximos días aos veciños e veciñas de Frades. A exposición das fotos participantes poderá visitarse no multiusos 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, fixo entrega dos premios ao gañador e aos finalistas do concurso de fotografías antigas organizado polo Concello de Frades, ao que se presentaron máis de oitenta instantáneas cuxas copias poderán visitarse durante os próximos días no edificio multiusos de Frades. Unhas fotografías de temática moi variada, aínda que as que máis abundan son os retratos de familias, festas campestres e romarías, polo que un dos grandes atractivos entre os que a visitan é tratar de identificar amigos e veciños.

Roberto Rey recibiu no salón de plenos aos autores das 12 fotografías seleccionadas para o almanaque do Concello de Frades 2013 e fíxolles entrega do seu correspondente diploma acreditativo, así como dun album de fotos e unha copia do propio almanaque. O gañador do concurso, Francisco Javier Vilariño Castro, veciño de Ledoira, non puido asistir á entrega, polo que o seu premio foi recollido polo concelleiro Jesús Manuel Iglesias. Un premio dunha cea para dúas persoas nun restaurante de Frades por unha instantánea datada en 1900 e que recolle un pasarrúas dos gaiteiros de Céltigos durante unha festa popular.

Almanaque
A foto gañadora e as 11 finalistas forman parte do almanaque de 2013 que edita o Concello de Frades e se repartirá entre todos os veciños e veciñas do municipio nos próximos días. Así mesmo, durante as próximas semanas os veciños e veciñas que o desexen poderán contemplar as 80 fotografías antigas presentadas a concurso e que estarán expostas no multiusos. 
Entre elas figuran algunhas tan curiosas como unha imaxe do primeiro taxi de Frades ou unha instantánea do Pazo de Galegos nos anos sesenta, tamén finalistas. Mais os grandes protagonistas son os veciños e veciñas de Frades, recollidos en vodas, comunións, soldados, tarefas agrícolas, motos e coches antigos, tareas domésticas e, sobre todo, retratos familiares.

Ningún comentario: