Oroso - posta en marcha do primeiro arquivo histórico de fotografía da comarca

O CONCELLO DE OROSO INICIA A CREACIÓN DO PRIMEIRO ARQUIVO HISTÓRICO DE IMAXES DA COMARCA 
Pon en marcha unha campaña para recoller imaxes entre toda a veciñanza coas que organizará unha exposición e editará o terceiro libro de fotografías do Concello

Os veciños poden colaborar prestando as súas fotos ou filmacións antigas para que o Concello poida facer unha copia dixital. Os orixinais quedarán en todo caso en poder do seu propietario

O Concello de Oroso vén de iniciar unha campaña de recollida de imaxes entre os veciños e veciñas do municipio coas que pretende crear o primeiro arquivo histórico de imaxes da comarca. O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, explica que “o Concello de Oroso quere conservar a memoria, as emocións, a nostalxia e os recordos que gardan as fotos vellas. Por iso pretendemos, coa xenerosidade dos nosos veciños e veciñas, recuperalas do caixóns e dos álbumes familiares para crear un arquivo de fotos antigas de todo o concello”.

Así, o Concello de Oroso está a distribuir estes días un díptico entre a veciñanza (centros educativos e asociacións culturais, deportivas, veciñais, terceira idade e comerciantes) nos que os convida a colaborar cun proxecto, que permitiría crear un arquivo de imaxes de todo o concello e, posteriormente, poñer en valor este arquivo a través de exposicíons, edicións de libros, álbumes dixitais... Así mesmo, tamén se fixo un convite especial aos fotógrafos profesionais de Oroso para que aporten imaxes do seu fondo histórico. “É un proxecto ilusionante xa que, entre todos, recuperaremos e garantiremos que es patrimonio cultural non se esquenza nunca”, explica Antonio Leira.

Un proxecto promovido polo Concello de Oroso, en colaboración coa asociación é-memoria, que pretende coñecer o pasado común dos orosáns e tratar de reconstruílo a través de fotos ou filmacións, que permitirán lembrar como era a xente, os lugares, os traballos, as festas, as celebracións... Un proxecto que servirá para cohesionar a veciñanza e facer que todos se sintan partícipes dunha mesma comunidade.

Elaboración do arquivo
Os veciños e veciñas que desexen colaborar na formación deste arquivo de imaxes deberán levar as fotos orixinais ao centro cultural Fernando Casas e Novoa, en horario de tarde, para proceder á realización dunha copia dixital. Deste xeito, as fotos devólvense ao momento na maioría dos casos (salvo que polo tamaño da imaxe ou por ser unha película sexa preciso agardar un tempo para o seu copiado). Os propietarios das imaxes terán que asinar un documento de cesión desa copia, non do orixinal que seguirá en posesión do veciño, autorizando o seu almacenamento, reprodución e difusión.

O Concello de Oroso catalogará e arquivará todas esas fotografías segundo temática, data, lugar... a través dun programa de xestión de arquivos dixitais, garantindo así a conservación das fotografías e a creación dunha fonte documental para a historia de Oroso e de Galicia. Neste sentido, Leira Piñeiro alerta de que “é importante que non se perdan estes documentos tan valiosos, que en moitas ocasións se perden porque están en papel e se humedecen. Por iso queremos dixitalizalos e poñelos ao servizo da sociedade, en xeral, e dos investigadores, en particular”.

Edición de libros
Unha vez realizado o arquivo, o Concello de Oroso porá en valor estas fotografías a través da edición de libros, organización de exposicións e creación de álbumes dixitais. Neste sentido, porase a disposición de todos os internautas unha páxina web dende onde poderán consultar esas imaxes.

Deste xeito, o Concello de Oroso dá continuidade a unha labor xa iniciada en 2004 coa edición do libro “Concello de Oroso. Guía histórica en imaxes”. Unha publicación que recolle 308 fotos das 11 parroquias e nas que se inclúe o patrimonio máis importante de cada unha delas e algunhas imaxes cedidas polos veciños. Así pódese, por exemplo, comprobar a evolución urbanística de Sigüeiro. 

Un traballo complementado en 2007 coa edición do libro “San Martiño de Marzoa. Imaxes para o recordo”, que recolle 321 fotografías aportadas polos veciños desta parroquia e que foron clasificadas nos seguintes apartados: a escola, a primeira comunión, casamentos,o traballo, as festas, a emigración e a guerra.

Como colaborar
Todos os veciños e veciñas que desexen colaborar nesta iniciativa deberán dirixirse ao centro cultural de Sigüeiro, en horario de tarde, para a realización da copia dixital das súas imaxes. Tamén poden enviar a copia dixital eles mesmos a través do mail: arquivoimaxes@concellooroso.com. Para aquelas persoas que non se poidan desprazar ata Sigüeiro ou non dispoñan de escaner, o Concello de Oroso habilita unha terceira fórmula: chamar ao 981 690 903 e deixar o enderezo, de xeito que as imaxes se recollerán na vivenda da persoa e lle serán devoltas posteriormente.

Ningún comentario: