AGACA – curso sobre tecnoloxías da información en Silleda

Agaca organiza a segunda parte do curso sobre tecnoloxías da información coa colaboración do Concello de Silleda

· Realizarase do 20 de marzo ao 18 de abril e está subvencionado pola Consellería de Traballo Benestar e polo Fondo Social Europeo

Silleda, 9 de marzo de 2012

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, Agaca, organiza a segunda parte do curso de informática que comezou no pasado mes de febreiro, en colaboración co Concello de Silleda. Esta actividade formativa está destinada a mulleres do rural e está subvencionada pola Consellaría de Traballo e Benestar, así coma polo Fondo Social Europeo.

Está previsto que comece o vindeiro 20 de marzo e que remate o 18 de abril, contemplando un total de 70 horas que se reparten de luns a venres, de 10.00 a 13.30 horas, e levarase a cabo nunha aula da Casa da Xuventude. Aínda que está pensado para as alumnas que xa cursaron a primeira parte, quedaron algunhas prazas vacantes do total de 15, polo que aquelas mulleres interesadas poderán inscribirse nas dependencias do Concello de Silleda. Para iso, deberán cubrir unha ficha que se lles facilitará, así como presentar a tarxeta de desempregadas, que debe estar ao día. A todas aquelas persoas que desexen asistir á actividade formativa, rógaselles dende a organización que se dean présa en apuntarse, posto que aínda que o prazo pecha a finais da vindeira semana, existe unha gran demanda.

Cabe destacar, que varias das mulleres que asistían á primeira parte deste curso, non poden ir a esta segunda por haberse incorporado xa ao mercado laboral, “algo moi gratificante, pois isto amósanos que estamos a colaborar na reinserción laboral dos desempregados silledenses” afirma a Concelleira de Emprego e Formación, Margarita Campo, “datos coma estes dannos aínda máis ganas e forza se cabe, para seguir traballando por este concello”.

Unha vez máis, Agaca proporcionará os ordenadores precisos para o curso, así coma o profesor seguirá a ser o mesmo, mentres que o Concello cede o local para a impartición das clases.

Ningún comentario: