Brión – Desassossego este venres en Brión

IRIA PINHEIRO E JESÚS TEJADA PRESENTAN ESTE VENRES EN BRIÓN O ESPECTÁCULO DESASSOSSEGO

Trátase dun recital poético-musical que ten a inquietude como eixo principal desassossego4

12 de marzo de 2012.- O centro social polivalente de Brión acollerá este venres 16 de marzo, ás 20:30 horas, a actuación do grupo DandyLady, unha formación integrada por Iria Pinheiro (actriz) e Jesús Tejada (músico), artistas que dende 2007 traballan xuntos en proxectos musicais, e noutros relacionados co cabaret ou a danza. Pinheiro e Tejada presentarán “Desassossego”, un recital teatral que se enmarca baixo a etiqueta de poesía escénica e no que empregan tecnoloxía dos anos 70 e 80 (un proxector de diapositivas, radiocasettes, transistores, unha máquina de escribir...) para falar da inquietude a través da poesía e a música.

Desassossego é un espectáculo duns 45 minutos de duración que inclúe poemas de poetistas como Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Sther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero e María Salgado. Cada tema musical do espectáculo foi composto especialmente para cada poema en concreto, empregando instrumentos como a máquina de escribir, unha cámara de fotos analóxica, uns zapatos de tacón... pero tamén utilizando rexistros sonoros de momentos e espazos que particularmente lles resultan desacougantes, coma entrar nun centro comercial ou sentir dende a casa o funcionamento do ascensor.

A representación terá lugar ás 20:30 hora e a entrada será libre e de balde ata completar aforo. O título da peza nace do “Livro do desassossego”, de Fernando Pessoa. De feito, o primeiro texto desta obra, "A morte do príncipe", é o que abre o recital. O nome do grupo, DandyLady, está inspirado nun poema de Lois Pereiro: Dandy, tamén incluído na escolma.

Ningún comentario: