Finaliza Curtocircuíto na Rúa cunha alta participación de público
O premio do Público, dotado con 1.000 euros, foi para ‘Tuba Atlantic’ de Witzo Hallvar (Noruega), unha das curtas máis premiadas deste ano en todo o mundo
Curtocircuíto continúa a súa proxección internacional e estará presente no Festival de Cine Iberoamericano de Nova Inglaterra nos EEUU do 22 ao 30 de setembro
O xoves 30 de agosto finalizou Curtocircuíto na Rúa –iniciativa da Concellería de Cultura do concello de Santiago-, despois de catro semanas de proxeccións de curtametraxes nas rúas do casco histórico compostelán. Estas sesións estivais ao aire libre achegan a Curtocircuíto aos espectadores que visitan a cidade na época de verán. Así máis de 1.000 persoas puideron gozar cun percorrido polas últimas novidades do cine de curta duración que se están a realizar en todo o mundo: Volta ao Mundo 1 na Praza do Toural, Feito en España na Praza Cervantes, By Galicia na Zona C e Volta ao Mundo 2 na Praza das Praterías. Púidose gozar dos premiados do último Festival, que tivo lugar en maio, e das curtas máis valoradas polo público da Semana Oficial.
O público asistente outorgou o Premio do Público Na Rúa á Mellor Curtametraxe, dotado con 1000€, a ‘Tuba Atlantic’ de Witzo Hallvar (Noruega). Esta curtametraxe é unha das máis premiadas este ano en todo o mundo e foi incluso finalista á mellor curtametraxe de ficción nos Oscar 2012.
As curtas de Curtocircuíto viaxan a festivais de todo o mundo co obxecto de continuar na expansión e divulgación do Festival Internacional de Curtametraxes. Nos últimos meses, o Festival presentou varios programas de curtametraxes no marco de certames internacionais prestixiosos como o Festival de Cine Europeo de Brest en Francia o a Muestra Joven da Habana en Cuba, entre outros. A próxima parada será no Festival de Cine Iberoamericano de Nova Inglaterra en Estados Unidos que se celebrará do 22 ao 30 de setembro onde se presentarán traballos galegos así como de todo o estado español.
A idea de proxectar os traballos de Curtocircuíto por todos os recunchos do mundo faise realidade desde fai xa varios anos, o que permitiu que o nome do Festival viaxe por lugares como Inglaterra, Francia, Portugal, Australia, Brasil, México, Cuba, Canadá ou Estados Unidos.
Ficha do filme gañador
Tuba Atlantic / A tuba do Atlántico
Witzø Hallvar / Noruega / 2010 / Ficción / 25’
Oskar (70) vai a morrer en 6 días. Agora está listo para perdoar a seu irmán por un desacordo de anos atrás.

Ningún comentario:
Publicar un comentario