ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NO TALLER QUE SE DESENVOLVERÁ DO 10 AO 14 DE SETEMBRO EN SANTIAGO, IMPARTIDO POLO DRAMATURGO ÁNGEL SIMÓN
As compañías de teatro Enlata e Iliria organizan do 10 ao 14 de setembro un taller en Santiago de Compostela arredor da máscara e o coro no teatro. O obradoiro, impartido polo actor, escritor e director de teatro ferrolán Ángel Simón, conta con prazas limitadas que poden solicitarse até o vindeiro 3 de setembro.
Enlata e Iliria teatro organizan un taller impartido por Ángel Simón, dirixido a profesionais e estudosos do teatro co obxectivo de afondar no traballo sobre a máscara e o xogo coral como alicerces dramáticos. As sesións desenvolveranse en Santiago de Compostela do luns 10 ao venres 14 de setembro, en horario de 10 a 14 horas, e teñen un custe de 75 euros por participante.
Hai 21 prazas dispoñibles que se irán adxudicando por orde de inscrición, rematando o prazo de solicitude o 3 de setembro. As persoas interesadas poden obter cumprida información e a ficha de inscrición escribindo aenlatateatro@gmail.com
O actor, escritor e director de teatro ferrolán Ángel Simón ten estudado con recoñecidos profesionais internacionais da escena como María del Mar Navarro, Andrés Hernández, Alejandro Tosatti, Will Keen, Thomas Rascher, Serge Poncelet ou Monika Pagneux, ademais de traballar cunha multitude de compañías teatrais e desenvolver unha intensa actividade de intercambio con grupos de traballo de España, Portugal, Brasil, Cuba, Francia e Gran Bretaña en diferentes proxectos. No medio da súa ampla actividade, vai facer unha parada en Santiago de Compostela para impartir este taller sobre a máscara e o coro, compartindo cos participantes os coñecementos procedentes dunha constante e rigorosa investigación.
As xornadas están coorganizadas polas compañías Iliria Teatro (Vilagarcía de Arousa) e Enlata Teatro (Santiago de Compostela) e son o inicio do que se pretende que sexa unha colaboración sostida no tempo a prol do fomento da formación no eido das artes escénicas.
Para máis información:

Ningún comentario:
Publicar un comentario